5 jun 2022

LENDO HISTORIAS TERRIBLES...ARREDOR DO NAZISMO.

 

Os fendetestas de 3º e 4º adicamos o noso tempo de lectura neste terceiro trimestre a títulos relacionados con ese feito tan terrible da historia da humanidade como foi o nazismo.

    Quién cuenta las estrellas é unha novela de Lois Lowry na que se conta como os daneses fixeron fronte aos invasores alemáns a través da Resistencia, organizada para axudar a fuxir os xudeus  e a salvar a vida. As protagonistas son dúas rapazas, unha delas xudía, que viven coas súas familias o drama da ocupación.  

    Ana Frank. La novela gráfica presenta de maneira novidosa a tráxica historia da familia Frank, xudeus que viven en Amsterdam durante a 2ª guerra mundial e que consiguen sobrevivir nada menos que dous anos agochados  na parte de atrás das oficinas de Otto Frank, o pai da familia... Alí, Ana, rapaza duns trece anos, escribe o diario que se poido rescatar tras a detención da familia por parte da Gestapo e o seu posterior traslado a campos de concentración.  Se a  historia xa é terrible por si mesma, o feito de retratala con imaxes faina aínda máis dura. 



    Maus, relato dun supervivente,  de Art Spiegelman é tamén unha novela gráfica onde atopamos a biografía de Vladek Spiegelman , un xudeu polaco supervivente dos campos de exterminio nazi. A historia cóntaa Art, o seu fillo, que traballa como debuxante de cómics e que se propón deixar memoria das atrocidades da persecución feita por Hitler e os seus seguidores e das consecuencias deste feito nas vidas cotiás das xeracións posteriores. Ben curioso é o feito de darlle aos personaxes o formato de animais (os xudeus son ratos e os seus perseguidores, gatos). Iso, ademais de facer que asociemos a historia ás fábulas e ás súas moralexa, alixeira o drama ao mostralo na pel de animais e non de persoas.

    Con diferente formato, extensión e complexidade (de menos a máis, tal como veñen de citarse) os tres relatos son moi recomendables para os amantes da historia do século XX e para todos aqueles que pensen que a a literatura moitas veces non só serve para entreter. 

    E pode suceder que isto nos soubese a pouco... Hai moitas máis novelas desta temática agardando unhas mans que as abran e uns ollos que as percorran. Velaquí algunhas: 

15 NOVELAS ARREDOR DO NAZISMO



2 jun 2022

A AFOGADA

 Alia Castro (4º ESO B) anímanos a ler este libro de Rocío Leira cun traballado booktráiler: 



1 jun 2022

FALAMOS CON EVA MEJUTO

 

Reproducimos un anaco da interesante entrevista que lle realizou Nicolás Seoane á escritora Eva Mejuto  na visita que fixo ao noso centro.

 


 

25 may 2022

SOBRE MEMORIA DO SILENCIO E 22 SEGUNDOS

 

 Nestas últimas xornadas do curso,  entre exame e exame, tivemos a honra de recibir a visita de Eva Mejuto. A escritora compartiu con nós impresións e comentarios sobre dúas das súas obras que lemos este curso no club de lectura:  Memoria do silencio e 22 segundos.

A autora contounos que, aínda que estudou xornalismo, nunca se dedicou a esta profesión. As súas inquietudes estiveron máis centradas no mundo dos libros, primeiro no seu traballo en diferentes editoriais e posteriormente como escritora.

Na primeira sesión do encontro falounos de Memoria do silencio e de como integrou as personaxes das irmás Touza coa dunha directora de orquestra holandesa de ascendencia xudía. Con este libro pretendeu dar a coñecer a incrible  historia dunhas mulleres en Galicia durante a  2ª Guerra Mundial que  arriscaron as súas vidas para a axudar a uns descoñecidos a fuxir do horror nazi.  Outro obxectivo foi visibilizar o  seu traballo e valentía e como se arrepuxeron á historia nunhas condicións tremendamente adversas. Explicounos o sentido do  título e o importante que é destacar e dar a coñecer esas historias silenciadas. A través da lectura deste libro e da charla que mantivemos coa autora aprendemos de que maneira se fomentou a xenofobia cara aos xudeus. Tamén soubemos que a presenza dos alemáns na nosa comunidade estivo motivada pola abundancia dun mineral esencial para a fabricación de armas: o wolframio.


A continuación falamos de 22 segundos. Contounos como xurdiu a idea de escribir un libro para adolescentes sobre a temática da transexualidade.  Antes da redacción desenvolveu un traballo de investigación e contactou con persoas que sufriran ese proceso. Fixo fincapé na necesidade de que nos respectemos e que non deixemos de lado a ninguén por ser diferente ao considerado tradicional.  A diversidade sexual como un valor esencial na nosa sociedade foi outra das ideas que a autora nos transmitiu. Tamén nos falou de que deberiamos ter máis información sobre o tema e de que en todos os centros debía de haber educación afectivo-sexual.

 

 Contestou ás preguntas que lle formulamos sobre as obras e a outras relacionadas co proceso de creación literaria. Tamén nos falou do oficio de escritor e do difícil (por non dicir imposible) que é vivir desta actividade, aínda que esa non sexa a súa motivación esencial.

Rematamos dándolle as grazas por compartir estes momentos con nós e por achegarnos a outras realidades a través dos seus libros.

24 may 2022

ENCONTRO LITERARIO


 

16 may 2022

AS NOSAS OPINIÓNS SOBRE AS LECTURAS (1º ESO)

 

    O alumnado de 1º ESO que forma parte do Club Lector fixo unha escolla variada para esta segunda etapa lectora. Os libros escollidos foron os seguintes: Quen conta as estrelas?, La historia de Julian e As flores radioactivas

    De seguido podedes ler as súas recencións sobre estas obras.


QUEN  CONTA  AS  ESTRELAS?

    Esta obra gustoume bastante, de feito emocionoume en moitas ocasións. Ademais é moi curiosa a maneira na que se explica a visión dunha nena fronte á guerra sobre todo por conseguir que os lectores empaticen e vivan con ela as súas aventuras.

Vera Castro González, 1º ESO A 



LA HISTORIA DE JULIAN

    Esta historia cóntase desde o punto de vista dun acosador. É unha historia cunha valiosa lección que non puiden deixar de ler dende as primeiras páxinas. Aprendín moito dela, sobre todo a non xulgar as persoas pola súa aparencia. Foi moi entretido.

Daniela Meijide García, 1º ESO A

 

    Este libro gustoume moito porque conta unha historia de bulling desde o punto de vista do agresor. Conta como se sente, o seu pasado e mostra como se arrepinte. Gustoume moito que ao final do libro describe como se sente ao facer daño a August e tamén me gustou que  se arrepentise e lle mandase unha carta a August.

Ariadna Fernández Freire, 1º ESO A

 

    O libro gustoume porque era fácil de ler e entretido e, sobre todo, porque nos fala do importante que poden ser as persoas que non o aparentan. O libro é moi similar ao de La lección de August.

Daniel Roca Rodríguez, 1º ESO B



AS FLORES RADIOACTIVAS

    A miña cualificación para As flores radioactivas é de 7’5. O que non me gustou moito do libro foi que a narración se me fixo moi lenta, é dicir, aburríame un pouco que os sucesos tardasen tanto en acontecer, pero por outra parte gustoume moito que a misión de investigar as flores só se puidera levar a cabo porque estaba a nena. Outra cousa que me encantou foi que ao final as flores eran boas e a mensaxe deste libro é a paz mundial.

Lucía Oliver Fontecoba, 1º ESO B


    O libro gustounos moito e estivo moi entretido. Dámoslle unha puntuación de 7’5.

Hugo Díaz Roca e Oussama Belhaddad, 1º ESO B

 

    As flores radioactivas non me gustou moito porque me pareceu un libro aburrido xa que non había moitos momentos de emoción ou de cousas que a min me gustan dos libros. Eu poñeríalle unha nota de 6 sobre 10 xa que presenta algúns puntos bos como ser unha historia orixinal.

Darío Verea García, 1º ESO A

 

    O libro gustounos porque é moi sinxelo de ler, ten moi poucas páxinas e conta unha historia cun final feliz.

Adrián Aller Vaamonde e Javier  Sánchez, 1º ESO A

 

    A nós o libro gustounos bastante, aínda que temos un gusto esixente: gústannos os cómics e os libros de acción. Con todo, este libro estaba bastante ben.

Samuel Miragaya Cobas e Ismael  Kasmi


19 abr 2022

E SEGUIMOS CON 22 SEGUNDOS

 

Os lectores e as lectoras de 2º ESO  puxemos punto final á lectura da 22 segundos de Eva Mejuto. O libro conta a historia de Xela/Álex, unha persoa que sente que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.  Medra sentíndose  identificado cos gustos e as roupas tradicionalmente asociados aos nenos, ata que inicia o seu cambio de identidade. Este proceso leva asociado moitas dificultades ata conseguir ser aceptado por el mesmo e tamén asumido polas persoas da súa contorna.  

A lectura do libro serviunos para comprender como se debe sentir alguén nunha situación coma esta. Na posta en común de ideas estivemos de acordo en que cadaquén ten que buscar atoparse ben consigo mesmo e non deixarse levar polos estereotipos asociados ao sexo. Respecto a iso, comentamos que moitos deses estereotipos nos parecen  tremendamente ridículos como,  por exemplo, relacionar os nenos  pequenos coa cor azul e as nenas coa cor rosa.  A lectura do libro serviunos para comprender que hai persoas que non se senten cómodas coa imaxe e co papel que lles marca a sociedade por ser nenos ou nenas.  Ademais dos sentimentos de Álex, tamén nos chamou a atención a diferente reacción da familia e o importante papel que ten esta á hora de afrontar as dificultades da vida. Comparamos as actitudes  da nai (que, ao comezo, parece non querer darse conta da problemática que sente o seu fillo)  e  do  avó (que será o que antes se decate do que está sufrindo  o seu neto e asuma con normalidade a nova situación).  Finalmente, o protagonista inicia o proceso de cambio, conseguindo deste xeito sentirse mellor consigo mesmo e  logrando ser  aceptado coa súa nova identidade pola súa familia e amizades.

Para rematar, temos que dicir que a lectura deste libro foi moi agradable, fácil e entretida.  En xeral gustounos moito como describe ó protagonista e o xeito de contar os seus sentimentos. Pareceunos moi interesante o feito de que tratase o tema da transexualidade  e serviunos para entender mellor esa realidade que nos resulta  descoñecida.

Irene, Antía, Alexandra, Darío, Nicolás e  Diego (2º ESO )

8 abr 2022

MEMORIA DO SILENCIO

 

 Ariadna Fernández comparte este suxestivo book-trailer que nos anima a ler Memoria do silencio de Eva Mejuto.  Esta historia lévanos ata as terras de Ribadavia, lugar onde as irmás Touza (tamén chamadas as  "Schindler galegas") axudaron a centos de xudeus a fuxir dos nazis cruzando a fronteira de Portugal. 





6 abr 2022

ARREDOR DE 22 SEGUNDOS

     Os fendetestas de 3º de ESO acabamos nestes días de ler a novela 22 segundos, de Eva Mejuto. Nela Xela-Alex conta a súa experiencia vital: naceu cos trazos físicos dunha nena (Xela), pero séntese un rapaz (acabará recompoñendo o seu nome e chamándose Alex). 

     O relato empeza en xaneiro de 2017, data na que Alex, próximo xa á súa maioría de idade, e inmerso xa no tránsito de cambio de sexo, decide subir á rede un arquivo onde se fai un repaso retrospectivo da súa vida anterior (desde os cinco anos), boa parte coa identidade de Xela: 

"Abro este blog para compartir con vós anacos da miña vida... tamén do que está por vir."

     Iso é o que di diante da web-cam e ese arquivo dos anos pasados  tarda 22 segundos en subir á internet. Alí están as imaxes que retratan os anacos máis doces e máis amargos da vida de Xela-Alex ó carón da súa disforia. A autora fai corresponder un capítulo a cada segundo: cada un deles recolle un episodio importante na vida de Xela para que acabe convertíndose en Alex. 

     Hoxe a nosa conversa sobre 22 segundos xirará arredor destas cuestións, todas elas enraízadas na novela de Eva Mejuto:  

 - Conceptos: 

Disforia, colectivo LGTBI, proceso de transición, canais FTM, masectomía, tratamento en T, trastorno da identidade, Bulling. 

 - Indicios cos que Xela-Alex mostra a incomodidade que lle produce ser unha rapaza, a través destas palabras-clave: 

chandal, melena, debuxos na escola, carta aos reis, relación coa avoa Helena, o traxe da comuñón, o equipo de fútbol do colexio, os comics, Ana

-  Relacións co entorno: 

  Avoa Helena, Anxo, primeira orientadora e primeiro psicólogo  VERSUS  súa nai, o avó, a profesora e a directora, Ana, segunda orientadora e nova psicóloga, Hadrián,

 - Temas: 

a) Disforia (a disforia de xénero preséntase como a non coincidencia entre o sexo asignado a un rapaz ou rapaza ao nacer  e a súa identidade sexual). 

b) Estereotipos de xénero (os estereotipos son xeneralizacións erróneas sobre un colectivo: certos trazos ou accións poden ser reais ou certos nalgúns membros pero non no conxunto; a cotío están relacionados cos prexuízos sociais). 

c)  Relacións familiares, fundamentais na educación dos fillos. Os entornos condicionan, facilitando ou dificultando, o desenvolvemento persoal de cada individuo. No caso de Xela-Alex a avoa paterna é un axente de frustración na neta e o avó materno, malia a súa idade, é un piar básico para que o protagonista se decida a cambiar de sexo.  

d) Amizade / empatía. Ana, primeiro amiga e logo algo máis, xunto con Hadrián e outros mozos que coñece por internet son persoas que axudan a Xela-Alex a loitar pola transición sexual.   

e) Escola: o seu papel socializador e inclusivo. O papel de Anxo. 

f)  Necesidade de profesionais ben formados e con coñecementos actualizados: a profesora Mari Carmen, as orientadoras e os profesionais da psicoloxía.    

g) As redes sociais: pros (¿e contras?) 

Despois da nosa conversa, gustaríanos preguntarlle á autora: