28 may 2014

O PAZO BALEIRO



 Pechamos curso coa lectura de O Pazo Baleiro de Xabier  P. Docampo. Na última reunión do club de lectura estivemos comentando esta intrigante historia e intercambiando as nosas impresións sobre ela.
En xeral,  a todas nos pareceu unha lectura das que “enganchan” dende o primeiro momento e que fan que esteas desexando seguir lendo. O misterio comeza cando os protagonistas (Nicolás e o seu tío) atopan nun reloxo antigo unhas cartas de amor  e un pano cunhas iniciais.
Ao principio, antes de introducirnos na investigación do enigma, chamounos a atención o feito de que  Nicolás non acudise á escola. Dábanos un pouco de envexa,  aínda que tamén nos demos conta de que ir ao instituto ten  moitas cousas boas, como, por exemplo, a relación cos amigos. Precisamente este é un dos temas que máis importancia ten na historia: o valor da amizade. Na novela aparece na relación que Nicolás ten con Ramiro, Sol, Társila (os seus amigos) e incluso co seu tío. Este último é un personaxe moi particular. Representa o espírito aventureiro e non ten unha boa relación co  seu irmán, o pai do protagonista. Afortunadamente todo remata cunha reconciliación familiar. A verdade é que este libro de Xabier Docampo deunos  pé para falar de moitos temas ben interesantes.
Mais estamos esquecendo o aspecto máis importante da historia, a resolución do misterio do pazo onde estaba o reloxo.  Unha das partes que máis nos gustou foi cando Nicolás e os seus amigos entran nel para investigar. Non imos desvelar como se resolve o misterio, pero si diremos que nos fixo pensar na importancia da familia e como os intereses económicos cambian as persoas e fai que sexan egoístas.
 Recomendámoslles esta novela aos lectores afeccionados ao misterio, pero tamén aos que lles gusten as historias de investigación e amizade.
 Nesta última  reunión deste curso tamén falamos da experiencia de formar parte do club de lectura. Valorámola moi positivamente e pensamos continuar o vindeiro curso. Como agasallo final deixámosvos algunhas recomendacións lectoras:
Olalla  Corral  recomenda Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dahl.
Bianca  Mirciu comenta que lle encantou As lágrimas de Shiva de César Mallorquí.
Lucía  Vigo conta entre as súas lecturas favoritas  O pazo baleiro de  Xabier P. Docampo.
Ara  Vázquez e Lucía Martínez escollen para facer a súa recomendación os  clásicos do terror: Frankestein e O home lobo.

 Bo verán e felices lecturas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario