Mostrando entradas con la etiqueta Xabier Docampo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xabier Docampo. Mostrar todas las entradas

27 jun 2018

XABIER P. DOCAMPO


           Curtisbibio e o Club de Lectura Fendetestas queren lembrar a memoria do escritor Xabier P. Docampo falecido no día de onte. Tivemos a honra de contar en varias ocasións coa súa presenza no noso centro e de deleitarnos coas historias que nos contou. 



      Unha das súas obras máis coñecidas é, sen dúbida, Cando petan na porta pola noite. Este conxunto de relatos foi proposta de lectura no noso club en varias ocasións. Recuperamos a xeito de homenaxe a referencia ao fermoso epílogo  no que o autor fala daquelas cousas que o atemorizan e recollemos a idea enunciando os nosos propios medos elaborando unha listaxe. Velaí o estracto dunha entrada publicada no blog Fendetestas co motivo dunha visita do autor ao centro.

 Nós  temos medo a…
 Á morte
Ás enfermidades
A durmir e non espertar
A perder a memoria
A quedar só
Ás abellas,  ás avespas, aos ratos…
A que desaparezan os animais
Aos tolos
Ao manicomio
A que me tomen por tolo
A deixar de ser un neno
A perder a imaxinación
A suspender un exame ou unha materia
Á deforestación
A que me enterren vivo
Aos xihadistas
Á eternidade
Á nada
 ..............
 E vós, a que lle tedes medo?
  
Fendetestas de 1º ESO  (curso 2014-2015)

2 jun 2015

LEMOS A XABIER DOCAMPO



 Aproveitando o encontro organizado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura co escritor Xabier P.  Docampo, os Fendetestas de 1º de ESO estivemos lendo  Cando petan na porta pola noite.
 Coa temática do misterio iniciamos este curso as lecturas no noso club. Seguindo esta liña, que colleitou moitos seguidores,  estamos a punto de poñer punto final á andaina deste ano.


 Na posta en común do libro de Xabier Docampo comentamos o conto “O cumpremortes” e todos falamos do intrigante que nos pareceu e do moito que nos gustou.  Interesounos moito o epílogo  no que o autor fala daquelas cousas que o atemorizan e pensamos na posibilidade de falar dos nosos propios medos elaborando unha listaxe. Velaí o resultado:

 Nós  temos medo a…

 Á morte
Ás enfermidades
A durmir e non espertar
A perder a memoria
A quedar só
Ás abellas,  ás avespas, aos ratos…
A que desaparezan os animais
Aos tolos
Ao manicomio
A que me tomen por tolo
A deixar de ser un neno
A perder a imaxinación
A suspender un exame ou unha materia
Á deforestación
A que me enterren vivo
Aos xihadistas
Á eternidade
Á nada
 ..............

 E vós, a que lle tedes medo?


28 may 2014

O PAZO BALEIRO



 Pechamos curso coa lectura de O Pazo Baleiro de Xabier  P. Docampo. Na última reunión do club de lectura estivemos comentando esta intrigante historia e intercambiando as nosas impresións sobre ela.
En xeral,  a todas nos pareceu unha lectura das que “enganchan” dende o primeiro momento e que fan que esteas desexando seguir lendo. O misterio comeza cando os protagonistas (Nicolás e o seu tío) atopan nun reloxo antigo unhas cartas de amor  e un pano cunhas iniciais.
Ao principio, antes de introducirnos na investigación do enigma, chamounos a atención o feito de que  Nicolás non acudise á escola. Dábanos un pouco de envexa,  aínda que tamén nos demos conta de que ir ao instituto ten  moitas cousas boas, como, por exemplo, a relación cos amigos. Precisamente este é un dos temas que máis importancia ten na historia: o valor da amizade. Na novela aparece na relación que Nicolás ten con Ramiro, Sol, Társila (os seus amigos) e incluso co seu tío. Este último é un personaxe moi particular. Representa o espírito aventureiro e non ten unha boa relación co  seu irmán, o pai do protagonista. Afortunadamente todo remata cunha reconciliación familiar. A verdade é que este libro de Xabier Docampo deunos  pé para falar de moitos temas ben interesantes.
Mais estamos esquecendo o aspecto máis importante da historia, a resolución do misterio do pazo onde estaba o reloxo.  Unha das partes que máis nos gustou foi cando Nicolás e os seus amigos entran nel para investigar. Non imos desvelar como se resolve o misterio, pero si diremos que nos fixo pensar na importancia da familia e como os intereses económicos cambian as persoas e fai que sexan egoístas.
 Recomendámoslles esta novela aos lectores afeccionados ao misterio, pero tamén aos que lles gusten as historias de investigación e amizade.
 Nesta última  reunión deste curso tamén falamos da experiencia de formar parte do club de lectura. Valorámola moi positivamente e pensamos continuar o vindeiro curso. Como agasallo final deixámosvos algunhas recomendacións lectoras:
Olalla  Corral  recomenda Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dahl.
Bianca  Mirciu comenta que lle encantou As lágrimas de Shiva de César Mallorquí.
Lucía  Vigo conta entre as súas lecturas favoritas  O pazo baleiro de  Xabier P. Docampo.
Ara  Vázquez e Lucía Martínez escollen para facer a súa recomendación os  clásicos do terror: Frankestein e O home lobo.

 Bo verán e felices lecturas!