Iniciamos
o curso tentando facer unha pequena homenaxe a un dos referentes
esenciais para os clubs de lectura e as bibliotecas. O escritor vilalbés, falecido
este pasado verán, representou coma ninguén o gusto pola lectura e a
transmisión dese afán por coñecer historias a través dos libros. Nas súas
obras sempre ocupa un papel relevante a importancia do hábito da lectura;
de feito, as súas páxinas rebordan autores e obras que os lectores
máis sensibles e receptivos poden acoller como as recomendacións que en
realidade son.
As obras de Agustín Fernández Paz son xa un
clásico para todos nós. Podemos pescudar
nas entradas deste blog nos últimos anos e alí atoparemos Cartas de
inverno, Trece anos de Branca, As flores
radioactivas, Contos por palabras… Cantas
lecturas e impresións compartidas!
O
legado que o autor nos deixou é moi grande e valioso e nós pensamos que a
mellor maneira de valoralo é a través da lectura das súas obras. Por iso,
comezamos o curso dándolle as grazas da mellor maneira que sabemos e como
pensamos que a el lle gustaría.
Un dos grupos dos Fendetestas de 1º ESO arrincou
coa lectura de "O enigma do menhir", un relato de misterio
incluído en As fronteiras do medo. Algúns dos veteranos de 3º e 4º de ESO están
inmersos nas fermosas historias de O único que queda é o amor,
unha obra que foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e
Xuvenil no ano 2008.
Daremos
conta das reunións en vindeiras entradas no blog.
No hay comentarios:
Publicar un comentario