14 ene 2017

O NENO CAN


O neno can é un fermosísimo e conmovedor libro de relatos de Fina Casalderrey e Francisco Castro que  nos fai reflexionar sobre as tremendas  inxustizas do mundo actual. Cinco contos que teñen en común a presenza dun can que vai acompañando a estes pequenos protagonistas da insolidariedade, da miseria, da falta de igualdade  e de oportunidades, da explotación… Unha oportunidade para enfrontarnos a unhas realidades difíciles de dixerir que nos lembran que hai moitas historias fóra do noso medio (e tamén nel) que nos sacan as cores como integrantes da sociedade civilizada que se supón que constituímos.


 Os rapaces e rapazas  de 1º ESO que lemos  O neno can definimos o libro de moitas maneiras diferentes, pero todos estivemos de acordo en cualificalo como triste.  As historias de  Aakesh, Nadim, Kai, Leila e Carlos gustáronnos moito pero  resultáronnos conmovedoras e desacougantes. Cada un dos contos do libro vai encabezado por unha frase na que se nos lembra un dos dereitos dos nenos relacionado coa temática do relato en cuestión. A lectura  deste libro fíxonos reflexionar  sobre tantas inxustizas que se cometen no mundo e decatarnos  do afortunados que somos por vivir onde vivimos.

Cando estamos a piques de conmemorar o Día da Paz, estaría ben lembrar que debería ser posible un mundo mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario