2 may 2017

A VIAXE DE GAGARIN



            A viaxe de  Gagarin cóntanos as vivencias de Miguel e a súa familia nos duros anos da ditadura franquista. O protagonista lembra a súa infancia e xuventude na Coruña dos anos sesenta, mentres acompaña a súa nai convalecente no hospital nos derradeiros momentos da súa vida.  Recorda a libraría que rexentaban os  seus pais (de ideoloxía republicana) e  como,  pouco a pouco,  foi descubrindo que alí tiñan tamén un taller clandestino onde imprimían folletos propagandísticos contra o réxime. O libro é a historia  de  Miguel e da súa familia, pero é tamén  unha reflexión sobre  o paso da nenez á adolescencia e a iniciación á  dura e difícil aprendizaxe da vida.
 
                A lectura deste libro suscitou variadas reaccións. A algúns fíxoselles  un pouco lento  e non conseguiron conectar ben co tema. Malia a iso,  todos estivemos de acordo en  que aprenderamos moitas cuestións relativas ao xeito de vivir na ditadura que nos resultaron moi interesantes, cando non sorprendentes. Os comentarios  suscitados polo libro foron  variados: a importancia da liberdade, a censura, as inxustizas asociadas aos réximes totalitarios, a defensa das propias ideas, os intentos de moldear os pensamentos dos rapaces… Asemade xurdiu unha interesante reflexión: a transcendencia das vivencias das primeiras etapas da vida no discorrer posterior. O que vivimos cando somos nenos e adolescentes márcanos dun xeito indeleble aínda que non sexamos conscientes dese feito. 

Tamén se falou da importancia da lectura e de como o autor rende unha homenaxe aos libreiros e libreiras  e,  por extensión, aos libros e ao pracer de ler. Son moitas as páxinas dedicadas en  A viaxe de Gagarin a este tema tal e como se   pode comprobar na exposición-homenaxe a Agustín Fernández Paz que enche estes días os corredores do noso centro.  Compartiremos ese material a través do blog proximamente co obxectivo de que, seguindo os consellos do inesquecible autor, vos atrevades a  mergullarvos na maxia dos libros. Hai demasiada beleza neles para ignoralos!

Rematamos esta entrada cunha nova entrega dos fantásticos vídeos elaborados por Laura.

                                                                   
               Jin, Lucía, Xana, Cristian, Laura e Marcelo

No hay comentarios:

Publicar un comentario