O trimestre pasado, o noso grupo do club de lectura integrado por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO escolleu Clara dice, unha novela xuvenil de
Carlos Roncero, como libro para comentar e traballar entre todos.
Se sodes seguidores deste blog, saberedes que foi unha
lectura moi satisfactoria para nós, e que
gozamos moito coas peripecias que tiveron que pasar o sarxento Trápaga e
a nai de Clara para dar co asasino da súa filla e resolver o caso dos
misteriosos suicidios. Todos coincidimos
en que a forma de escribir do autor era sublime, detallando cada diálogo e
contestación e complicando a trama para manternos enganchad@ á historia.
Ben, pois se xa estabamos agradecidos a Carlos por
agasallarnos coa súa magnífica obra, agora, grazas a el, sentímonos
tremendamente alagados. O pasado mércores 26 de abril descubrimos que se puxera
en contacto connosco para agradecernos a entrada e a videorecensión que
prepararamos sobre o seu libro. Ademais, comentounos que se lembraba de nós por
unha entrevista que lle fixeron uns membros do club Fendetestas hai uns anos. Recibimos as súas palabras
cunha sorpresa e admiración incribles, pois non nos esperabamos a súa resposta
e moito menos o seu recoñecemento ao noso traballo.
Carlos, grazas a ti por axudar a encher este mundo de
palabras coas túas historias e por ser tan atento cos teus lectores. Esperamos
poder seguir lendo máis libros teus!
E a ti, pequeno e curioso lector, de momento
podemos suxerirche de novo a lectura de Clara dice, de Carlos Roncero. Altamente recomendable!
Laura Míguez
No hay comentarios:
Publicar un comentario