4 dic 2021

MENTIRA: MOITO MÁIS QUE UNHA HISTORIA SOBRE OS PERIGOS DE INTERNET

 

      A lectura de Mentira de Care Santos foi todo un éxito para os integrantes do Club de Lectura de 2º ESO B.  A historia de Xenia e  da súa relación  cun mozo que se fai chamar Marcelo ao que coñece a través de  Internet parecía encamiñada a ser un novo aviso sobre os perigos da Rede. Mais a novela dá un xiro moi sorprendente cando a protagonista descobre que o mozo non se chama realmente así e que está internado nun centro de menores. O pasado de Eric (este é o seu verdadeiro nome) lévanos a unha infancia na que sufriu abandono  por parte dos seus pais e posteriormente foi acollido por un primo chamado Ben que se converteu na súa única familia.  Este, despois de asasinar a unha moza convence a Eric para que se declare culpable coa idea de que a condena será moito máis leve xa que é menor de idade.  Cando Xenia coñece a historia decide implicarse na aclaración da verdade.

     Os comentarios foron moi variados pero todos estiveron de acordo en que a obra lles pareceu moi interesante e que non podían deixar de ler.  Chamaron a atención os datos que se ofrecen ao comezo da obra sobre a delincuencia xuvenil. Este feito deu pé a reflexionar sobre as circunstancias familiares que teñen moitos deses rapaces e rapazas que se converten en delincuentes. Tamén xurdiu o tema dos centros de menores e como os rapaces que están ingresados neles están controlados e limitados nas súas accións.




 Reproducimos algunhas das impresións recollidas nas sesións dedicadas á obra:

A historia de Eric impresionounos moito polo triste que nos pareceu e tamén pola súa bondade ata o extremo de admitir ser autor  dun crime que non cometera.

                                                                                                                          Hugo e Nicolás

 O libro ensina porque axuda a dar visibilidade ás circunstancias que viven outras persoas.

                                                                                                                                 Antía

 A historia de Mentira lembroume  moito a O corazón de Xúpiter. Dos dous libros pódese sacar unha idea común: as aparencias enganan.

                                                                                                                                Xabier

O libro é tan emocionante que non podes parar de ler, non é unha historia máis sobre os perigos de Internet.

                                                                                                                              Irene

No hay comentarios:

Publicar un comentario