11 jun 2022

O DERRADEIRO LIBRO DE ENMA OLSEN (E A DERRADEIRA ENTREVISTA)

  

Un dos grupos do Club de Lectura  de 4º ESO escollemos para rematar o curso a obra O derradeiro libro de Enma Olsen de Berta Dávila. Algunhas lémola na versión novela e outras na de banda deseñada.

Enma Olsen é unha escritora enferma de cancro que  regresa  á súa localidade natal  acompañada da súa filla para reencontrarse co seu pasado e cun  tráxico acontecemento da súa adolescencia que a marcou ao longo de toda a súa vida.

A lectura resultounos impresionante e tamén un chisco desacougante. A idea de  facer unha falsa biografía dunha escritora que non existiu é un dos alicientes desta orixinal obra. Falamos da metaliteratura e de como a autora mesturou a realidade e a ficción. As referencias á traxedia do Challeguer ou á descuberta do dinosauro de Faith (cidade norteamericana onde se ambienta a obra) foron feitos reais que serven de fondo á historia de ficción centrada na adolescencia da escritora. Un relato moi alternativo e singular onde aparecen temas como a hipocrisía social, os convencionalismos, o concepto tradicional de familia, a amizade ou a morte. A pesar da súa brevidade, é un libro que reflexiona de maneira moi completa  sobre as complexas relacións persoais e as historias que poden marcar a unha persoa  para toda a súa vida. Rematamos esta pequena crónica cunha dramatización realizada por Salma Mariño onde se pon na pel de Enma Olsen para ofrecernos a súa derradeira entrevista.

 


 Lucía López, Nerea Varela, Laura Váquez e Salma Mariño

No hay comentarios:

Publicar un comentario