A banda deseñada foi a opción escollida maioritariamente polos lectores de 4º ESO para este terceiro trimestre do curso. As obras Engurras de Paco Roca e María e mais eu de Miguel Gallardo foron a base dun intercambio de lecturas compartidas nunha sesión conxunta que nos serviu para achegarnos á dúas enfermidades como son o autismo e o alzhéimer.
Os lectores de Engurras contaron como se somerxeron na realidade das residencias da terceira idade a través das imaxes e das historias dos personaxes. Reflexionaron sobre a fraxilidade que caracteriza os anciáns e como desexan o afecto e o contacto cos seus familiares. Asemade decatáronse de como na sociedade actual existe pouca implicación coas persoas maiores e moitas veces son “colocados” nas residencias para non ter que pasar o traballo de coidalos. Desde o punto de vista da técnica narrativa empregada polo autor chamoulles moito a atención como se ía cambiando do plano da realidade ao da percepción das mentes afectadas pola enfermidade.
Os lectores de María e mais eu compartiron as súas impresións sobre este libro que nos achega dun xeito sinxelo ao mundo do autismo a través da historia desta rapaza. O libro ofrece unha interesante información sobre o xeito de comportarse das persoas que sofren esta enfermidade e a actitude (moitas veces pouco comprensiva) que teñen os demais cara a eles. María necesita ter todo programado e ordenado na súa vida para sentirse segura. Deste xeito os pictogramas que lle debuxa seu pai delimitándolle as tarefas cada día sonlle de gran axuda.
Dous libros conmovedores (con senllas versións cinematográficas) que nos permiten achegarnos e entender mellor estas realidades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario