Mostrando entradas con la etiqueta A memoria da choiva. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A memoria da choiva. Mostrar todas las entradas

22 may 2023

ROTEIRO LITERARIO: A MEMORIA DA CHOIVA

 

Despois de ler  A Memoria da choiva de Pedro Feijoo o alumnado do Club de lectura de 4º ESO E 1º Bach realizamos unha visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro na localidade de Padrón o pasado 19 de maio.  Alí imaxinamos a escena final cando o asasino (Tino/ Xacobe/ Adriano) foi desenmascarado  e atrapado polo detective Aquiles Vega  nas dependencias da casa da autora.  Tamén nos fixamos na información que se ofrece na casa sobre os fillos de Rosalía e puxémola en relación cos datos que se dan na obra de Pedro Feijjoo. O feito de que a biografía da autora estea  envolta nun halo de misterio  fai que resulte  moi interesante coñecer pequenos datos que ofrezan algo de luz  entre as tebras. A lectura de A memoria da choiva e a visión de parte dos escenarios que aparecen na obra ofreceunos unha suxestiva ambientación.

A continuación, complementamos a visita cun percorrido polas rúas de Padrón despois de pasar polo cemiterio da Adina, (lugar onde estivo soterrada a escritora durante varios anos antes de ser trasladada ao Panteón dos Galegos Ilustres). Na vila contemplamos a  casa onde viviu Rosalía coa súa nai e a estatua que o pobo padronés lle dedicou á súa escritora máis universal.








11 feb 2019

A MEMORIA DA CHOIVA


       Os fendetestas de 1º de Bacharelato lemos ao longo do primeiro trimestre A memoria da choiva. Na reunión que mantivemos para falar do libro deixamos constancia da súa orixinalidade: unha novela policial cun asasino  en serie que remata coa vida das súas vítimas tomando como “inspiración” versos de Rosalía de Castro. 

      Comentamos a técnica empregada por Pedro Feijoo para conseguir que unha novela longa coma esta resultase  tan entretida: pensamos que a clave está no ritmo e na complexidade dos personaxes principais. Estes non son planos, sofren unha evolución ao longo da obra que resulta moi crible e axeitada. O xornalista Aquiles Vega e a profesora Sofía Deneb forman unha parella peculiar e un tanto atípica que engaiola aos lectores.  Tamén reflexionamos sobre a voz misteriosa da primeira páxina que nos empurra a un afán por saber máis datos que aclaren o enigma. A ambientación actual e as referencias a espazos coñecidos conseguen que vexamos a historia moi real, actual e próxima. O interese por coñecer datos sobre a familia da célebre poetisa de Padrón outórgalle, sen dúbida, un valor engadido. Rematamos a posta en común falando de que se está a rodar unha versión cinematográfica.


       Recollemos textualmente algunhas opinións:
Este libro que lemos para o clube de lectura pareceunos moi interesante. Pode que a portada ou a súa lonxitude non incite moito á lectura e que os posibles lectores e lectoras pensen que o que hai detrás non merece a pena. Deixádenos  dicirvos que non. Sería moi inxusto xulgalo desa maneira. É un libro que sae fóra do común. É unha novela policíaca, pero non  é unha  trama clásica  na que é posible recoñecer ao asasino dende o primeiro momento. A intriga mantense ata o final. Os distintos asasinatos que se cometen están directamente relacionados con Rosalía de Castro e o feito tan curioso de que esta, a pesar de ter cinco fillos, non deixase descendencia (nin tan sequera un tataraneto!).



       Sen dúbida, un libro moi recomendable para todos os afeccionados ás novelas detectivescas e para os que busquen algo máis…
 Lucía Vigo e Ánxela Prado