Alba Couselo achéganos a súa interpretación visual sobre a obra de Michela Murgia en formato de booktraíler.
Club de lectura do IES de Curtis
“Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo”
Agustín Fernández Paz
Alba Couselo achéganos a súa interpretación visual sobre a obra de Michela Murgia en formato de booktraíler.
A novela de Michela Murgía titulada Acabadora conta a historia de Bonaria Urrai, unha muller que adopta unha nena chamada María nunha pequena poboación de Sardeña na década dos 50. A “adopción” é un acordo ao que chega coa familia para encargarse da pequena da que a nai biolóxica se desentende por dificultades económicas. Era unha “filla de ánima”, é dicir, un deses “nenos xerados pola pobreza dunha muller e pola esterilidade da outra”.
Mais o tema esencial desta novela non se basea só na relación entre a filla e a nai adoptiva, senón que se centra especialmente na profesión da muller e no sorprendente descubrimento que María fai: Bonaria é unha acabadora, unha persoa que se dedica a rematar co sufrimento dos moribundos achegándoos á morte. As historias de padecemento xunto coa propia evolución persoal van cambiando a percepción de María sobre esta realidade.
Aínda que non todas estivemos de acordo na
valoración deste libro podemos dicir que, sen dúbida, é unha historia moi orixinal e diferente. Chamounos
moito a atención o “procedemento” de adopción e de que xeito a miseria
condicionaba este tipo de cesións nas que comerciaban cos nenos de xeito
verdadeiramente cruel. Tamén comentamos que a historia ten unha dose importante
de intriga mentres non se desvela o segredo relativo á misteriosa ocupación de
Bonaria. Ese procedemento era bastante habitual na illa de Sardeña nunha época
na que case non había asistencia sanitaria: as acabadoras, despois de sacar das
habitacións todos os elementos relixiosos, utilizaban un xugo no que apoiaban a
cabeza do moribundo para quebrar a caluga e rematar así coa vida. Outro aspecto
destacable refírese á ambientación da obra que nos pareceu moi lograda e que conseguía transportarnos ata un tempo que
nalgúns aspectos pode lembrar á Galicia do século pasado. Rematamos a sesión
falando da eutanasia e do dereito a morrer dignamente.
Ana Pernas, Alba Couselo, Sabela Martínez e Selma Blanco (1º Bach A)
Acabadora, de
Michela Murgía, é unha novela ambientada nos anos 50, nunha vila de Sardeña
(Italia).
Bonaria Urrai, unha viúva de case sesenta
anos, decide acoller como fill'e anima a María Listru, unha nena de seis
anos, orfa de pai. A partir dese momento, María comeza a vivir coa anciá, levando unha vida como se fosen nai e filla.
Bonaria encárgase de que á nena non lle falte nada e vaia á escola, e a nena
axúdalle nos labores e co traballo de costureira que é ao que se adica a
señora.A convivencia é boa durante anos, pero segundo se vai facendo maior,
María comeza a preguntarse porque ás veces a tía Bonaria, como ela a chama, sae
polas noites, e ao día seguinte, hai un falecido na vila. A pesar dese estraño
feito, a rapaza non fai ningunha pregunta, ata que un desafortunado suceso, fai
que María descubra o segundo oficio de Bonaria: o de acabadora. É aí cando a
anciá ten que darlle explicacións á rapaza, a cal decide marchar e comezar unha
nova vida, xa que non está de acordo coas prácticas da tía. María vai vivir cunha nova familia adiñeirada
como coidadora de dous irmáns cos que inicia unha relación moi especial, sobre
todo co rapaz chamado Piergiorgio. Regresa á casa despois de recibir a nova de
que Bonaria sufrira un ictus e que necesita a súa axuda.
Esta obra trata temas polémicos como a
eutanasia Nese sentido cómpre salientar, ademais das dúas mulleres protagonistas, o personaxe de Nicola, un mozo
da aldea que sofre a amputación dunha perna, feito que lle provoca unha forte
depresión. El pide axuda a Bonaria e,
ela, finalmente accede a rematar co seu sufrimento. A historia de Nicola deunos pé para
falar e reflexionar sobre temas como a legalidade da eutanasia, recentemente de actualidade. Este é un tema moi controvertido e pensamos
ten que aplicarse en casos moi extremos.
Ao longo da obra que, a pesar da súa brevidade é moi
intensa, móstranse unha gran cantidade de
temas secundarios asociados sobre todo a diferentes sentimentos como:
- Soidade: María ao comezo da obra séntese soa e non ten
a ninguén sobre quen apoiarse.
- Amor: a
"historia de amor" entre Andría (irmán de Nicola) e María, e tamén
entre María e Piergiorgio.
- Amizade: María e Andría teñen unha gran amizade e apóianse mutuamente, por exemplo cando Nicola morre.
-Tristeza: polo
sufrimento que vai aparellado á enfermidade e á morte.
- Amabilidade e
fidelidade: como se ve ao longo da obra cando María intenta axudar aos demais e
como remata regresando para coidar á súa nai adoptiva.
- O perdón: representado por María que, finalmente,
consegue entender as accións de Bonaria.
Outros temas presentes de xeito indirecto son as relacións familiares, a maternidade, a pobreza e as dificultades económicas, os abusos sexuais (historia do pasado de Piergiorgio)...
Tamén nos chamou a atención as mencións que aparecen ao
longo da novela ás tradicións populares como o costume de deixar abertas as
portas das casas aos defuntos a noite anterior ao día de Todos os Santos ou a
crenza de que as imaxes relixiosas que tiñan os moribundos nas súas habitacións
protexíanos e non lles permitían morrer.
Pero sen dúbida o que máis nos impactou foi a existencia da profesión de
acabadora e como poñía fin ás vidas das persoas que non querían sufrir
máis. Unha novela conmovedora que nos fala da vida e da morte,
dos sentimentos e da complexidade do ser humano.