13 jun 2021

ACABADORA

 

Acabadora, de Michela Murgía, é unha novela ambientada nos anos 50, nunha vila de Sardeña (Italia).

Bonaria Urrai, unha viúva de case sesenta anos, decide acoller como fill'e anima a María Listru, unha nena de seis anos, orfa de pai. A partir dese momento, María comeza a vivir coa anciá,  levando unha vida como se fosen nai e filla. Bonaria encárgase de que á nena non lle falte nada e vaia á escola, e a nena axúdalle nos labores e co traballo de costureira que é ao que se adica a señora.A convivencia é boa durante anos, pero segundo se vai facendo maior, María comeza a preguntarse porque ás veces a tía Bonaria, como ela a chama, sae polas noites, e ao día seguinte, hai un falecido na vila. A pesar dese estraño feito, a rapaza non fai ningunha pregunta, ata que un desafortunado suceso, fai que María descubra o segundo oficio de Bonaria: o de acabadora. É aí cando a anciá ten que darlle explicacións á rapaza, a cal decide marchar e comezar unha nova vida, xa que non está de acordo coas prácticas da tía.  María vai vivir cunha nova familia adiñeirada como coidadora de dous irmáns cos que inicia unha relación moi especial, sobre todo co rapaz chamado Piergiorgio. Regresa á casa despois de recibir a nova de que Bonaria sufrira un ictus e que necesita a súa axuda.

Esta obra trata temas polémicos como a eutanasia Nese sentido cómpre salientar, ademais das dúas mulleres  protagonistas, o personaxe de Nicola, un mozo da aldea que sofre a amputación dunha perna, feito que lle provoca unha forte depresión. El pide axuda a  Bonaria e, ela, finalmente accede a rematar co seu sufrimento. A historia de Nicola deunos pé para falar e reflexionar sobre temas como a legalidade da eutanasia,  recentemente de actualidade.  Este é un tema moi controvertido e pensamos ten que aplicarse en casos moi extremos.

Ao longo da obra que, a pesar da súa brevidade é moi intensa, móstranse unha gran cantidade de  temas secundarios asociados sobre todo a diferentes sentimentos como:

- Soidade: María ao comezo da obra séntese soa e non ten a ninguén sobre quen apoiarse.

 - Amor: a "historia de amor" entre Andría (irmán de Nicola) e María, e tamén entre María e Piergiorgio.

- Amizade: María e Andría teñen unha gran amizade e  apóianse mutuamente, por exemplo cando     Nicola morre.

 -Tristeza: polo sufrimento que vai aparellado á enfermidade e á morte.

 - Amabilidade e fidelidade: como se ve ao longo da obra cando María intenta axudar aos demais e como remata regresando para coidar á súa nai adoptiva.

- O perdón: representado por María que, finalmente, consegue entender as accións de Bonaria.

Outros temas presentes  de xeito indirecto son as relacións familiares, a maternidade, a pobreza e as dificultades económicas, os abusos sexuais (historia do pasado de  Piergiorgio)...




Tamén nos chamou a atención as mencións que aparecen ao longo da novela ás tradicións populares como o costume de deixar abertas as portas das casas aos defuntos a noite anterior ao día de Todos os Santos ou a crenza de que as imaxes relixiosas que tiñan os moribundos nas súas habitacións protexíanos e  non lles permitían morrer. Pero sen dúbida o que máis nos impactou foi a existencia da profesión de acabadora e como poñía fin ás vidas das persoas que non querían sufrir máis.  Unha novela  conmovedora que nos fala da vida e da morte, dos sentimentos e da complexidade do ser humano.

  Adrián, Daniel, Paula, Claudia e Nuria ( 1º Bacharelato)

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario