18 jun 2021

COMETAS EN EL CIELO

 

Cometas en el cielo relata a historia de dous pais e dous fillos, da súa amizade e de como o destino xoga as súas cartas na historia das súas vidas. Ambientada en Kabul (Afganistán), unha cidade dominada pola tradición e costumes ancestrais, en pleno conflito bélico, sitúase a historia de dous rapaces de diferente clase social: Amir e Hassan.

Amir (un rapaz da etnia pasthún, clase acomodada que domina a política e a economía de Afganistán) é o narrador da historia. Fillo dun home cunha situación privilexiada en Kabul, soña con ser escritor. A pesar de contar con todos os luxos, non é feliz debido á falta de cariño paternal e refúxiase no afecto do seu mellor amigo, Hassan. Este é un rapaz da etnia hazara, un grupo considerado de clase inferior, mais a pesar diso é o único amigo de Amir e tamén  o seu medio irmán. Hassan defende e protexe a Amir en todo momento; ademais é un neno valente, intelixente e xeneroso que sofre o racismo e o desprezo por ser hazara. Para impresionar a seu pai, Amir, tenta a toda costa gañar a competición anual de cometas, aínda que sexa co risco de poñer en perigo a amizade de  Hassan que é o seu servente e compañeiro de xogos dende a infancia.

Tras vinte anos nos Estados Unidos, unha chamada telefónica  fai que Amir regrese a un novo Afganistán dominado polo réxime talibán. Tantos anos despois Amir tratará de poñerse en paz co seu pasado. A historia sucédese nun contexto que vai entre a caída da ditadura de Afganistán, a subida dos talibáns ao poder e a emigración dos refuxiados cara aos Estados Unidos.

Foron moitos os temas tratados a raíz da lectura deste libro. Podemos sintetizar os máis relevantes:

  • Os réximes totalitarios e as súas inxustizas
  • O abuso do poder
  • As desigualdades sociais e culturais
  • A amizade
  • O maltrato psicolóxico
  • As carencias afectivas
  • As familias desestruturadas
  • A importancia da motivación na vida
  • A capacidade de perdoar e emendar os erros do pasado
  • As migracións forzosas, a problemáticas dos refuxiados e os efectos das guerras.
  • O papel das mulleres nestas sociedades.

Rematamos cunhas breves valoración dos lectores e lectoras que ofrecen unhas pingas a xeito de mostra do compoñente emotivo que esta lectura lles achegou.


 


Ariadna Fernández:

É unha maneira  moi  interesante de coñecer un pouco mellor a historia do mundo no que vivimos.

 

María Conde:

Trátase dun libro que contén moito sentimento e que achega valores ao lector. Ademais, axúdanos a coñecer dende cerca temas como o mal da guerra ou as diferenzas sociais.

 

Anxela Roca:

Amir recorda unha serie de traumas vividos en Afganistán cando era un neno.

 

Nuno Couso:

Cometas en el cielo narra a amizade de Amir, rapaz cunha acomodada posición social, e Hassan, o seu criado de clase inferior. Esta diferenza de clases non lles impide quererse e entenderse de maneira incondicional.

No hay comentarios:

Publicar un comentario