Mostrando entradas con la etiqueta Trece anos de Branca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Trece anos de Branca. Mostrar todas las entradas

5 jun 2013

TRECE ANOS DE BRANCA

 Os Fendestestas de 1º de ESO ao longo deste terceiro trimestre lemos unha novela de Agustín  Fernández Paz titulada Trece anos de Branca.  A protagonista é unha rapaza que, cando está a piques de cumprir trece anos, enferma de hepatite e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. O día do seu aniversario  regálanlle un álbum de fotos e súa nai proponlle que o complete para non aburrirse. E así, a través das fotografías,  Branca vai lembrando e narrando distintos episodios da súa vida, como os recordos da  súa nenez, os problemas dos seus pais, o colexio, o seu primeiro amor…
A  lectura  de Trece anos de Branca pareceunos moi interesante e recomendable.  Nas reunións que tivemos para falar deste libro coincidimos en que nos sentimos moi identificados coa protagonista aínda que nunca estiveramos nunha situación semellante.
Algúns dos comentarios feitos no club de lectura foron os seguintes:
Bianca díxonos que lle resultou moi intrigante aínda que botou de menos que houbese máis diálogo.
A Andrea, o libro fíxoa reflexionar sobre a necesidade de dar ánimos ás persoas que están enfermas e a importancia do amor.
A Sara chamoulle a atención  que  Branca organizase os seus recordos a través das fotos; tamén lle gustou moito  a actitude dos amigos.
O amor, a amizade, as dificultades da vida, as preocupacións dos adolescentes son  algúns dos temas sobre os  que reflexionamos a partir desta lectura. Todos os Fendetestas  estivemos de acordo en recomendar este libro aos rapaces e rapazas da nosa idade porque é moi fácil de ler e de identificarse coa protagonista.

22 mar 2013

LENDO A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


 Os Fendetestas de 1º ESO despois de comentar O laboratorio do doutor Nogueira (libro proposto  neste trimestre na materia de Lingua e Literatura) estivemos decidindo que lectura escoller para comezar estas vacacións. Moitos  quedamos con ganas  de saber máis sobre  Agustín Fernández Paz porque nos chamou moito a atención o feito de que aparecese como personaxe no libro. Como escoitamos varios comentarios de compañeiros aos que lles gustaba moito este autor, pareceunos que unha boa maneira sería ler algunha outra obra del. Barallamos diversas posibilidades,  e ao final a escolla foi variada: a maioría eliximos Trece anos de Branca, pero hai que dicir que  a algúns pareceunos que As flores radiactivas  tamén trataba un tema moi interesante. Por iso decidimos quedar con esa dobre opción de lectura.
 As temáticas das dúas obras son ben diferentes, se ben teñen en común o feito de ter sido escritas por un dos escritores máis recoñecido e premiado da nosa literatura. Á volta de Semana Santa daremos conta das nosas impresións sobre estes dous libros.