1 may 2021

LENDO E FALANDO DE POESÍA CON CARLOS NEGRO

 

O  encontro literario con Carlos Negro desenvolveuse nesta ocasión na biblioteca de xeito virtual a través de videoconferencia.  Gardando a distancia de seguridade necesaria diriximos as nosas miradas a unha pantalla instalada diante dos andeis que conteñen os libros. Comezamos cunha pequena presentación realizada por María Conde e Ariadna Fernández para pasarmos despois a escoitar poesías na voz do autor.


 

Falounos da importancia deste xénero literario para conseguir entendernos mellor a nós mesmos e da capacidade que as palabras teñen para interpretar a realidade. Fixo fincapé en que a poesía non ten por que resultar seria e aburrida. Para demostrárnolo, leunos uns poemas dunha autora valenciana e, a continuación,  un de Fran Alonso. A continuación,  pasamos a centrarnos nas súas obras e fixo unha selección de poemas de  Makinaria, Masculino singular, Penúltimas tendencias e Aplicación instantánea. Reflexionamos con el sobre os perigos da condución irresponsable, os estereotipos de xénero, a masculinidade tradicional, o necesario feminismo...Foi moi interesante escoitar por boca do autor os textos que nós leramos previamente, acompañados dunha posta en escena moi particular na que colaboramos todo o que a distancia nos permitiu.




Despois puidemos formularlle varias cuestións sobre aspectos concretos da obra e dos seus inicios como escritor. Tamén lle preguntamos polas súas influencias literarias e os seus gustos lectores.  Animounos a ler poesía ata atopar a obra ou o autor ou autora  que nos “dixese algo”. Lembrounos que a poesía non é unha ciencia exacta e, o que a un lle resulta indiferente para outro pode supoñer unha mensaxe moi relevante e transcendental. Falounos de como os acontecementos históricos máis importantes para unha persoa poden ser tan íntimos e exclusivos como  o falecemento dun ser querido. E cada un ten que buscar a súa historia nesa poesía que está escrita ou por escribir...





Moitas grazas, Carlos pola túa amabilidade, atención e dedicación coa que contestaches ás nosas preguntas. Agardamos verte axiña en persoa no noso centro!


No hay comentarios:

Publicar un comentario