Mostrando entradas con la etiqueta Encontros con escritores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontros con escritores. Mostrar todas las entradas

26 mar 2025

LENDO E ESCOITANDO POESÍA

      Dentro do programa de actividades da Semana Cultural do IES de Curtis contamos coa presenza de Lúa Mosquetera que nos achegou a unha particular maneira de entender a poesía.


     A actividade foi un éxito e o alumnado puido desfrutar do recitado de poemas do seu libro Espíderman acompañados dos sons da guitarra de Pablo Seixas.


     Dámoslle as grazas a Lúa pola súa espontaneidade e por facernos ver que a poesía non é para nada aburrida.

28 ene 2023

POESÍA E CONTOS DE MEDO CON CARLOS NEGRO

      

    Unha vez máis recibimos  a visita do escritor Carlos Negro no noso centro. Nesta ocasión agasallounos coas súas poesías e fíxonos reflexionar sobre o poder  comunicativo que posúen as palabras.  Os libros escollidos para a primeira sesión do encontro foron Makinaria e Penúltimas tendencias.


 

     A lectura de Non cantan paxaros neste bosque foi o punto de partida para intercambiar impresións co autor sobre os personaxes e as desacougantes historias. Tamén compartiu con nós o seu gusto pola temática do misterio realizando un interesante percorrido pola literatura universal. 


  

24 feb 2022

FALANDO CON ANTÍA YÁÑEZ

 

    O encontro que mantivemos coa escritora Antía Yáñez non puido ser máis interesante. Falounos do seu libro O misterio de Portomarín, da historia do encoro de Belesar e de como lle cambiou a vida á veciñanza do lugar. A través de fotografías antigas transportounos ao pasado para contarnos como era a vila antes do asolagamento. Soubemos que, coa chegada do encoro, parte das construcións foron trasladadas a outro emprazamento. Pareceunos moi curioso que a igrexa  fose levada pedra a pedra  ata unha nova ubicación.



    Ademais da historia de Portomarín, a autora falounos do proceso da creación literaria. Contounos como as súas lecturas da infancia e adolescencia influíron na escolla dos protagonistas. Tamén nos comentou que se inspirou nunha familia veciña súa para asignarlles os nomes aos personaxes principais.  Despois de falarnos de O misterio de Portomarín respondeu ás nosas numerosas preguntas sobre outros libros que ten escritos e sobre  como se iniciou na profesión de escritora. 

    Foi, sen dúbida, unha charla moi entretida na que aprendemos moito sobre  o pasado de Portomarín  e o proceso de elaboración dos libros. Rematamos esta pequena crónica agradecendo a Antía Yáñez a súa presenza no noso centro e a  súa amabilidade e atención. 




1 may 2021

LENDO E FALANDO DE POESÍA CON CARLOS NEGRO

 

O  encontro literario con Carlos Negro desenvolveuse nesta ocasión na biblioteca de xeito virtual a través de videoconferencia.  Gardando a distancia de seguridade necesaria diriximos as nosas miradas a unha pantalla instalada diante dos andeis que conteñen os libros. Comezamos cunha pequena presentación realizada por María Conde e Ariadna Fernández para pasarmos despois a escoitar poesías na voz do autor.


 

Falounos da importancia deste xénero literario para conseguir entendernos mellor a nós mesmos e da capacidade que as palabras teñen para interpretar a realidade. Fixo fincapé en que a poesía non ten por que resultar seria e aburrida. Para demostrárnolo, leunos uns poemas dunha autora valenciana e, a continuación,  un de Fran Alonso. A continuación,  pasamos a centrarnos nas súas obras e fixo unha selección de poemas de  Makinaria, Masculino singular, Penúltimas tendencias e Aplicación instantánea. Reflexionamos con el sobre os perigos da condución irresponsable, os estereotipos de xénero, a masculinidade tradicional, o necesario feminismo...Foi moi interesante escoitar por boca do autor os textos que nós leramos previamente, acompañados dunha posta en escena moi particular na que colaboramos todo o que a distancia nos permitiu.




Despois puidemos formularlle varias cuestións sobre aspectos concretos da obra e dos seus inicios como escritor. Tamén lle preguntamos polas súas influencias literarias e os seus gustos lectores.  Animounos a ler poesía ata atopar a obra ou o autor ou autora  que nos “dixese algo”. Lembrounos que a poesía non é unha ciencia exacta e, o que a un lle resulta indiferente para outro pode supoñer unha mensaxe moi relevante e transcendental. Falounos de como os acontecementos históricos máis importantes para unha persoa poden ser tan íntimos e exclusivos como  o falecemento dun ser querido. E cada un ten que buscar a súa historia nesa poesía que está escrita ou por escribir...





Moitas grazas, Carlos pola túa amabilidade, atención e dedicación coa que contestaches ás nosas preguntas. Agardamos verte axiña en persoa no noso centro!


20 abr 2021