Mostrando entradas con la etiqueta Cartas de inverno. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cartas de inverno. Mostrar todas las entradas

22 ene 2015

CARTAS DE INVERNO



 Algúns dos Fendetestas de 1º ESO aproveitamos as  pasadas vacacións de Nadal para ler  unha novela de Agustín Fernández Paz que se titula  Cartas de inverno. Todos estivemos de acordo en que nos pareceu unha historia ben misteriosa e interesante e queremos contarvos un pouquiño o seu argumento.
Adrián, un recoñecido pintor a nivel internacional, merca unha casa pretendidamente “encantada” aceptando un reto que lle fixo un  amigo seu  escritor que se chama Xabier. Cando se traslada a vivir a ela comezan a acontecer unha serie de feitos estraños ou paranormais:  incomprensibles chamadas telefónicas, mensaxes de peticións de socorro a través do fax, debuxos petroglíficos nas portas… Pero o máis desacougante dos fenómenos acontecidos na casa foi para nós foi o dun gravado  que ía cambiando a imaxe. O protagonista atopou un libro no faiado; nel había un debuxo que non  figuraba no índice no que aparecía unha rapaza nunha habitación. O incrible é que cada vez que Adrián  volvía mirar o debuxo a rapaza tiña cambiado de posición .
 Non vos contamos máis, pero aproveitamos para deixarvos as nosas impresións e recomendarvos que vos animedes a lelo.


 Sabela comenta que lle pareceu unha novela moi interesante, xa que  intriga dende o principio e obriga a seguir lendo.  Unicamente  cambiaría o final porque lle gustaría que fose máis concreto.
Leonardo di que a pesar de que el non é un lector entusiasta da temática de misterio, acabou “enganchado” pola historia. Explica que, xa dende o comezo, crea moito afán por saber o que vai pasar a  continuación. O final tamén lle pareceu un pouco raro.
Ángela, que leu a versión en banda deseñada, comenta que os debuxos eran  impresionantes e  que a historia lle pareceu moi intrigante. 
Yago remata recomendándovos o libro e definíndoo como interesante, misterioso e inquietante.




8 nov 2013

CARTAS DE INVERNO

A lectura da versión en banda deseñada de  Cartas de inverno despertou moito entusiasmo entre os Fendetestas. Esta novela gráfica  de  Antón Seijas está baseada no libro de Agustín Fernández Paz.
 Aínda que non todos somos incondicionais da temática do misterio, a verdade é que estivemos de acordo en destacar o interesante e entretida que nos resultou esta obra. Comentamos que hai moitos elementos que dan medo; unha das partes máis   desacougantes é  cando a rapaza debuxada nun  gravado  se modifica ao  abrir o libro que o contén. Tamén  nos decatamos que produce máis temor o descoñecido que o que está perfectamente identificado. Por iso, parécenos que o autor optou por non aclarar totalmente o final. Así, nós pensamos máis, traballamos a imaxinación e iso fai que a historia sexa aínda máis inquietante.
Chamounos a atención a calidade dos debuxos e como o autor xoga cos diferentes tipos de letra.
En definitiva, gustounos moito a todos, e parécenos un libro moi recomendable para os afeccionados á temática do misterio e á banda deseñada.

30 may 2012

CARTAS DE INVERNO

Os Fendetestas de 2º ESO neste terceiro trimestre lemos Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Na  última das reunións que tivemos para falar deste libro comentamos que fora a lectura que máis nos gustou de todas. Todos estivemos de acordo en que as historias de intriga son as que máis enganchan e moitos incluso xa remataramos de ler o libro antes da data fixada (non todos, por suposto). Na posta en común  intercambiamos impresións sobre o que máis nos chamou a atención do libro: o cadro que cambiaba, as sopas de letras coas mensaxes, o imprevisible que é o final…

Como esta xa é última lectura deste curso (agora hai que concentrarse nos exames) aproveitamos para falar da experiencia de pertencer ao club de lectura. Moitos dixemos que nos serviu para fixarnos en moitos aspectos das lecturas que antes nos pasarían desapercibidos e que entendemos mellor moitas cousas. Tamén aprendemos a ver que a lectura non é só unha tarefa escolar e que pode ser divertida. Ao mesmo tempo démonos conta de que tipo de libros e de temas nos atraen máis e cales nos interesan menos.

Ata o curso que vén e… moitas e boas lecturas de verán !

Sabela, Andrea, Alberto, Javier, Nazaret, Sergio, Deborah,  Daniel e Patricia.