2 dic 2015

A PEDRA SELA, UNHA XOIA NOS CONTOS PARA MANUELA

     
    
      Un dos grupos dos fendetestas de 1º de ESO, vimos de ler un fermosísimo conto incluido no libro Contos para Manuela, do lalinense Mario Pereira.


      No relato unha pedra énchese de fachenda ao ver como medra sobre ela unha marabillosa carriza que provoca a envexa das súas compañeiras. Filipe, un rapaciño amante da natureza, repara nela na primavera e decide ir cando pasen os meses, collela para adornar o Belén que na súa casa poñen polo Nadal. Tres son os finais que o autor nos ofrece:
 
- No primeiro, a pedra sela ve como a obsesión por ser cada día máis fermosa, acaba murchando a carriza que medra sobre ela. Filipe xa non a quere.

- No segundo, as figuras do Belén  marchan para o balado no que está a pedra, atraídas pola súa beleza.
 

- No terceiro, Filipe atopa no sobrado da súa casa unha foto da avoa: unha mestra republicana rapada e represaliada polo bando franquista. De súpeto, ve a imaxe da cabeleira da avoa na carriza da pedra e, cheo de emoción, vai cortarlle só un anaquiño...


Velaquí as nosas opinións:
 
-A min gustoume o segundo final porque o rapaz abriu a caixa e só atopou tres pezas: as demais marcharan para a "casa" da pedra sela. É un final alegre!
 
- A moitos chamounos moito a atención o terceiro final por varias razóns: é moi emotivo; por outra parte, o autor demostra que se documentou sobre a República para escribir o conto; e sobre todo, é moi importante no relato que Filipe reflexione sobre o que as persoas, ao longo da historia, podemos facer ben ou mal. Sen dúbida, o feito de que o protagonista colla só un anaquiño de carriza mostra unha dose importante de empatía polos demais e o respecto necesario polo que non é propiedade dun. Oxalá a realidade fose sempre así: teríamos que sacar a goma de borrar para moitas guerras que xamais deberan ter existido.
 
- O conto móstranos o importante que é a tolerancia para convivir en paz: Filipe é un exemplo do importante que é non impoñer sempre o que un pensa ou desexa.
 
 
 Fátima, Elena, Ainoa, Noelia, María, Uxía, Saray, Óscar, Brais e  Iván



No hay comentarios:

Publicar un comentario