15 feb 2016

O AGASALLO DE ANYA: COUSAS QUE PASAN NESTE MUNDO, NON NOUTRO


     Os fendetestas de 1º de ESO estamos a ler neste trimestre O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala. Nesta noveliña vemos, a través do diario de Anya,  unha nena ucraína,  e do blog dunha rapaza galega, o diferente que pode ser a vida para un neno, segundo onde lle toque vivir. Anya vive nun centro con outros nenos: a nai tivo que emigrar para gañar cartos; Paula vive cos seus pais, ten unha familia normal e conta cunha morea de bens materiais na súa vida cotiá. Aínda así, habería que ver quen é máis feliz. 

       Velaquí algunhas reflexións dos fendetestas despois de ler esta fermosa historia asentada no contraste entre a vida dunha nena galega e doutra ucraína : 

- O agasallo de Anya pareceume un libro moi realista que nos fai pensar moito sobre os valores das persoas. Ensína que a xente máis desfavorecida pode ser  máis feliz cós que teñen as súas necesidades cubertas. 

      A historia desta rapaza ucraína ábrenos os ollos e fainos ver o lado máis difícil da realidade; así, dámonos conta de que ter unha casa e un leito quentiño onde durmir é para a protagonista un soño e algo marabilloso. Vemos tamén no libro que algo como ir de vacacións a un vello hospital onde se pasa frío e onde hai que traballar é todo un premio para eses nenos que viven sempre nun lugar e en condicións difíciles. Que mérito, que valentía ten Anya, seu irmán e todos os nenos que viven con ela!  

                                                                                               Uxía Sánchez, 1º ESO A

     Moito me gustou o libro de Sabela Núñez Singala. Cando o acabei de ler non podía deixar de pensar nos centos de nenos e nenas coma Anya,  que non ven os seus pais, que non teñen casa, nen libros, nen roupa propia... E resulta que isto tan terrible está a pasar neste mundo no que vivimos nós, non noutro distinto... Non entendo como toleramos que permita isto con xente que respira o mesmo aire ca nós. Non o entendo, de verdade. 

                                                                                                Noelia López, 1º B




1 comentario:

  1. Que ilusión máis grande me fai que esteades a ler "O agasallo de Anya"!!!
    Grazas, moitas grazas por incluir esta noveliña entre as vosas lecturas.

    Encantoume ler as vosas opinións, Uxía e Noelia.
    Sodes grandes, Fendetestas!!! Biquiños para todas e todos vós.

    ResponderEliminar