8 mar 2018

LOS DOCE TRABAJOS DE FLAVIA GÉMINA




Corre o mes de decembro e os habitantes de Ostia celebran as Saturnais, unhas festas en honor ao deus Saturno, nas que durante cinco días está permitido facer de todo. Flavia Gémina, filla de Marco Gémino, decide investigar a Cartilia Poplícola, a nova noiva do seu pai xunto aos seus tres amigos: Lupo, un neno mudo, que se comunica cos demais a través dunha táboa de arxila, Nubia, a antiga escrava de Flavia e Jonatán, un mozo xudeu, que é veciño de Flavia. A Flavia non lle gusta Cartilia e decide investigar, coa axuda dos seus amigos, datos da vida da súa vida e para iso teñen que levar a cabo, doce traballos, igual que o heroe Hércules. A medida que os completan, van informándose de cousas de toda a familia e amigos de Cartilia. Ao final descobren quen é realmente Cartilia.


O libro gustounos, porque presenta un espírito moi aventureiro. Flavia, a protagonista, é unha rapaza de dez anos curiosa, independente, audaz e valente, á que lle gusta recorrer as rúas de Ostia acompañada dos seus amigos na procura de pistas para resolver enigmas.

É un libro moi aproveitable para nós, alumnos de 4º de ESO, que cursamos a materia de Latín, porque nos achega á vida na antiga Roma con constantes referencias á historia, á relixión, á mitoloxía e ós costumes que tiñan os romanos. Fálanos de festas tan populares en Roma, como as Saturnais, o costume de comer deitados, as termas e as súas dependencias (caldarium, frigidarium, impluvium, laconicum..), as partes da casa romana (atrium, lararium, peristilum….), os vestidos (a túnica, a toga…) as distintas clases sociais…. Recomendamos este libro, porque é moi entretido e fácil de ler, mantente todo o tempo coa intriga e cunha sensación de querer seguir lendo.

A lectura deste libro levounos a reflexionar sobre unha serie de aspectos: non podemos xulgar ás persoas antes de coñecelas, tristemente nós facémolo moito e non debería ser así. Primeiro, deberíamos intentar coñecelas e despois podémolas xulgar por nós mesmos. Tamén, que temos que gozar das persoas mentres que están vivas, porque en calquera momento poden desaparecer das nosas vidas. Outra cousa que nos chamou a atención é o ben que se levan e como se queren Flavia e os seus amigos, a pesar de que no grupo hai un rapaz mudo, unha escrava liberada por Flavia e un xudeu... Actualmente, cando alguén é diferente ou ten un problema, o primeiro que se fai e discriminalo, facerlle o vacío e incluso é obxecto de burla. A única cousa que non nos gustou foi que Flavia, ao final, ten alucionacións, que no momento de ler o libro, parecen reais, pero que en realidade son producidas pola febre que lle causa a gripe á nosa protagonista.

Un saúdo, lectores!!!

7 mar 2018

EL MANUSCRITO DE PIEDRA





Lucía Vigo, de 4º ESO B, recoméndanos esta lectura, destacando especialmente a homenaxe  que Luis García Jambrina lle rende  ao autor da Celestina ao tempo que recrea o ambiente de Salamanca do século XV. Fernando de Rojas é un estudante de Leis que se ve inmerso nunha serie de intrigas relacionadas coa investigación do asasinato dun catedrático de Teoloxía. Ao longo da narración o autor dosifica moi  ben a intriga e o misterio logrando darlle á acción un ritmo trepidante. A pesar da  súa relativa lonxitude é un  libro moi doado de ler, xa que consegue manter  o interese por desvelar os misterios ata a derradeira páxina. En definitiva,  unha lectura altamente recomendable para os afeccionados ás  novelas policíacas, de misterio ou intriga.

               
      Este é o primeiro libro da saga que o autor, Luís García Jambrino continuou con El manuscrito de nieve e El manuscrito de fuego. No primeiro, Fernando de Rojas comparte protagonismo con Lázaro de Tormes  nunha nova intriga de corte policíaco. Na última entrega da serie (polo momento) o autor da Celestina, xa convertido en ancián, é encargado da  investigación do asasinato do antigo bufón do emperador Carlos V.



    Atrevédesvos a desvelar misterios relacionados con estraños asasinatos   ambientados na Salamanca do século XV?

5 mar 2018

ANA FRANK, INOLVIDABLE...


      A lectura da novela gráfica na que se recolle a vida de Ana Frank ocupounos parte deste trimestre. Empezamos hai uns días as tertulias sobre o libro e, para ir entrando en materia, vimos e comentamos este vídeo. A ver que vos parece...


      Evidentemente ninguén cun mínimo de sensibilidade pode quedar impasible despois da lectura das vivencias desta familia que representa a todos os xudeus que sufriron a irracional persecución por parte de Hitler e os que o apoiaban. O libro resultounos fácil de ler, pois a novela gráfica fai máis levadeiro o coñecemento dos datos históricos que rodean á historia e, ademáis, axuda a "ver" mellor o horror do encerro e do castigo nos campos de concentración. Desde logo, todos deberíamos coñecer esta historia, sobre todo para que non volva a repetirse... E tamén para ver a dónde pode chegar o fanatismo, a soberbia e os prexuízos cara os que son diferentes, pero non peores nen mellores...  

     Para rematar, deixámosvos un pequeno vídeo elaborado por Elena Naveira, unha das lectoras do libro. 





28 feb 2018

JASÓN Y LOS ARGONAUTAS

Os alumnos de 3º de ESO-B, Laura López, Fátima Ramos, Vera Sánchez e Mateo Senín, comparten con nós esta presentación sobre un dos mitos máis célebresda mitoloxía grega: Jasón y los argonautas.

18 feb 2018

BOOKTRAILER

      
     Fatima Ramos de 3º ESO B e Nadia Fernández de 3º ESO A ofrécennos unhas suxestións de lectura en formato de booktrailer  sobre O centro do labirinto e Mecanoscrito da segunda orixe. Dúas visións do futuro da man de  Agustín Fernández Paz e de Manuel de Pedrolo que suscitan interesantes reflexións sobre o mundo no que vivimos.

 


 

12 feb 2018

GUÍA PARA XOVES MANIÁTICOS



     A lectura do libro de Aidan  MacFarlane e Ann McPherson  suscitou diversas valoracións entre os fendetestas de 2º da ESO.  A algúns non lles entusiasmou o formato de pregunta- resposta en que está baseado e resultoulles un pouco árida e repetitiva a lectura. Constatouse a diferenza entre as lecturas divulgativas fronte ás de ficción e resultou que estas últimas colleitan moitos máis partidarios. A pesar de ser minoría, a outros pareceulles ben interesante e, incluso divertida.  Destacaron que era unha maneira diferente de aprender  e de acceder a información sobre cuestións consideradas tabú. Gustoulles a distribución en capítulos e o feito de que estivesen organizados por temáticas concretas.


     
     Guía para xoves maniáticos aborda temas de interese para os rapaces e rapazas que se formulan preguntas sobre o seu corpo, o sexo, a saúde, o alcohol... Son cuestións  que están presentes na realidade e na vida cotiá e dos cales, ás veces, non é doado falar cos maiores: as relacións sexuais, a masturbación, o acne, a anorexia, a bulimia, a menstruación, os métodos anticonceptivos, as drogas e os seus perigos, os “piercing”... e moitos outros temas sobre os que cómpre estar ben informado. 

      Unha lectura ben interesante para mentes inquietas que ofrece unha axuda e moitas respostas a preguntas que non sempre se atreven a formular.

11 ene 2018

DIDO, REINA DE CARTAGO

     
     Laura Míguez, a nosa booktuber máis famosa, alumna de 1º de Bacharelato, comparte con nós unha lectura que non lle agradou demasiado mediante unha vídeo recensión.

     Comeza un novo ano, volvemos ao instituto e iso significa que tamén comezan as lecturas! Libros obrigatorios, voluntarios, agasallos que recibimos por Nadal… Pero sempre hai algúns que nos gustan moito, cos que nos enfrascamos nas súas páxinas, e outros que estamos desexando rematar, ou que xa os deixamos a medias. A obra da que vos veño falar hoxe é das do segundo grupo: unha desas que non hai por onde collela!
      Pero se o que queredes é ver vídeos sobre libros bonitos, podedes pasarvos pola miña canle de Youtube, “La Laurateca”, onde atoparedes varias recensións sobre obras que me entusiasmaron. Espero que a esas si lles deades unha oportunidade!



21 dic 2017

METAMORFOSIS, OVIDIO


Parabéns para Fátima Ramos de 3º ESO B, que nos agasalla con este fermosísimo romance!



20 dic 2017

CLUB DE LECTURA DE 1º ESO


Hoxe, día 20 de decembro, reunímonos os alumnos e alumnas de 1º da ESO para intercambiar opinións sobre os relatos que lemos: "O xigante egoísta" e "O reiseñor e a rosa", do libro O príncipe feliz, de Óscar Wilde. 

Estes contos, que falan do amor, a compaixón e a xenerosidade encantáronnos.












REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA

Esta semana reunímonos os Fendetestas de 3º da ESO para falar de O neno na cima da montaña, de John Boyne. 
Vimos tamén un vídeo cunha entrevista ó autor na que este fala sobre como xorde a idea que inspirou a novela, sobre o protagonista, etc. Entre todas as ideas que trata destacamos a da vulnerabilidade da mocidade ante as ideas dos adultos, e como a mente dos rapaces e rapazas, que está aínda afianzándose na súa madurez, pode cambiar se se ve influída por determinadas persoas. É o caso de Pierrot con respeito a Hitler na nosa historia.



Despois de comentar o final da novela e as nosas impresións, quedounos claro que nos gustou moito e que aprendemos sobre a amizade, pero tamén sobre a represión e o dogmatismo, resaltando a importancia de que os mozos e mozas poidan forxar a súa propia personalidade e ideoloxía en liberdade.
 
Aquí vos deixamos reflectidos os momentos compartidos.











13 dic 2017

A NETA DO SEÑOR LINH



     Un ancián foxe da guerra  a un país occidental acompañado da  única supervivente da súa familia: a súa neta, un bebé chamado Sang Diu (Mañá doce). A sensación de  desprotección que experimenta  o protagonista nun país e nunha cultura allea acrecéntase polo descoñecemento total  do idioma.  Dorido e triste, o ancián é  instalado nun piso de refuxiados,  onde non consegue conectar cos seus compatriotas que parecen observalo  de xeito estraño chegando incluso a burlarse del. Neste mar de illamento e soidade,  nun paseo pola cidade estraña e ameazante, coñece a un home viúvo (o señor Bark) e  ambos conseguen, a pesar da barreira do idioma,  iniciar unha sólida amizade.  Posteriormente o señor Linh é trasladado  a un centro psiquiátrico e este feito provoca que perda o contacto co seu novo amigo. Finalmente conseguen reencontrarse, pero a historia tennos reservado un sorprendente desenlace.

     O libro ofrece dúas lecturas posibles: unha inicial, onde determinados aspectos da  historia parecen non encaixar completamente  e, unha segunda na que o sorprendente final ofrece unha reinterpretación totalmente coherente.  Preferimos non desvelar a sorpresa, que lle engade un valor incuestionable á historia, dado que algúns dos fendetestas lectores desta obra   non se  decataron  do feito en cuestión ata a sesión onde se realizou a análise conxunta. 



     Jin Lei Dong recoméndanos esta obra de Philippe Claudel a pesar de que lle pareceu tremendamente triste e conmovedora.  Velaquí as súas palabras: A lectura produciume moitos sentimentos negativos de rexeitamento contra a sociedade que permite a existencia das guerras e das graves consecuencias que estas provocan. A parte positiva sería, sen dúbida, a amizade que os dous homes comezan e a esperanza que este feito implica.  Como emigrante que son sentinme moi identificado coa temática  do libro e co personaxe do señor Linh. É moi duro estar nun país que non é o teu, moitas veces sentes como a maioría da xente non se comporta adecuadamente contigo. Eu recomendaría este libro a aquelas persoas que sexan sensibles e que queiran poñerse no lugar dos que sofren.


     Non deixedes de ler esta crúa e fermosa reflexión sobre a soidade, o exilio, as guerras, a vellez... pero tamén sobre  a amizade que simboliza, sen dúbida,  unha luz na escuridade. Un canto á esperanza.