6 nov 2009

Laura Caveiro fala da nosa obra


Agustín Fernández Paz mestura nesta obra unha chea de matices como se os personaxes e as súas circunstancias fosen tecidos de diversas materias, case sempre veludo ou seda, que forman un deseño harmonioso sen cores rechamantes. Dez contos onde partindo dun anuncio por palabras conducésenos ata fascinantes historias. Vellos mitos adaptaranse nelas ós tempos que vivimos, dende o bruxo tradicional que para acadar o éxito na súa profesión realiza un Máster de Dirección de Empresas, ou a reciclaxe dun heroe do cómic en empregado-estrela, ata o distinguido home-lobo que en só tres lúas namorará á rapaza axeitada. Humor e moito afán de superación abrollan en todos os seres que buligan polas páxinas deste libro e os sentimentos converten ante os nosos ollos ás criaturas fantásticas en humanos. A determinación coa que o unicornio azul procura alguén da súa raza que o libre da soidade será compartida tamén pola libreira soñadora que procura unha obra de arte fuxidía. E por tantos outros. Fernández Paz dálle forma ós acontecementos cunha extraordinaria capacidade de fabulación que lle recoñecen, trala traducción a varios idiomas, lectores e críticos de todo o mundo. A partir das mensaxes breves e esquivas dos anuncios por palabras dos xornais, os seus lectores nos mergullamos con paixón nas páxinas impresas de Contos por palabras coa certeza de que onde realmente nos mergullamos é nun universo engaiolante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario