24 oct 2014

LENDO... DE NOVO

 
      Desde hai xa uns días o Club de Lectura Fendetestas está xa funcionando en todas as etapas educativas: un grupo en 1º de ESO, outro en 2º e 3º de ESO, outro en 4º de ESO e dous máis en 1º de BAC.

      Como xa é case tradición no noso IES, arrincamos en ESO rendendo tributo á literatura de terror e de suspense: é por iso que os Relatos escalofriantes, de Roald Dahl e A biblioteca da iguana, de Xosé Miranda, van traerlle a máis dun fendetestas algún que outro desacougo á hora de durmir. Xa o veredes. 



      En 1º de BAC andamos a voltas con El manuscrito de piedra, de L. García Jambrina,  onde un mozo con sorprendentes habelencias para a investigación deberá buscar as claves para descubrir o autor e o móbil do asasinato dun coñecido cura na Salamanca do S. XV. Por certo, este intelixente "detective" chámase Fernando de Rojas. Resúltavos coñecido?

      Esperemos que o ánimo lector non vai minguando co paso dos días, senón todo o contrario...

                                                                      Ata a próxima!

23 oct 2014

VAI DE MEDO...

 




Os Fendestestas de 1º ESO chegan ao club de lectura pisando forte. Na primeira reunión do curso comentan que lles gusta  moito ler. Esperamos que ese entusiasmo se manteña e que sexan moitas as lecturas que poidamos compartir.
 Achégase a celebración do Samaín, Halloween, Defuntos... unha data especial que nos introduce na temática do  misterio e do sobrenatural. O libro escollido para mergullarnos no descoñecido é unha selección de contos de autores clásicos cun tema común: as pantasmas. Trátase de Relatos de pantasmas de Steven  Zorn.
 Agardamos impacientes a seguinte reunión  e aproveitamos para dar a benvida ao club aos novos membros.