19 nov 2020

NOVO CURSO, NOVAS LECTURAS

 

Iniciamos este particular curso adaptándonos á nova normalidade determinada pola pandemia que condiciona as nosas vidas dende o pasado mes de marzo. Antes do coronavirus as reunións do noso club desenvolvíanse na sala anexa á biblioteca arredor dunha mesa onde intercambiabamos impresións. Esa mesa redonda, en torno á cal tantas lecturas compartimos e debatemos,  tivo que ser retirada para cumprir o protocolo de distancia social necesario para evitar os contaxios.  Habilitamos, coa axuda da dirección do centro, un novo espazo de reunión nunha aula de desdobres. Alí tentamos crear un ambiente agradable que favoreza a comunicación e que asocie a lectura coa actividade lúdica e pracenteira que é.

 


As lecturas coas que iniciamos o curso son moi plurais e variadas. Deste xeito, incorporamos  itinerarios diversos que van dende a inclusividade e a integración social, pasando polo misterio ou a novela histórica, ata a crueldade da guerra ou da marxinación á que se ven sometidos os nenos e as mulleres nalgúns lugares do mundo.  A continuación, a nosa proposta para este trimestre:

Os novos membros do club  de 1º ESO comezaron a lectura de Wonder de R. J. Palacio co proxecto de complementala coa proxección da longametraxe. Ao tempo, outros compañeiros do mesmo curso internaranse polos camiños do misterio con El príncipe de la niebla de Carlos Ruíz Zafón e da novela histórica con El herrero de la luna llena de María Isabel Molina. Un dos grupos de 2º ESO está atrapado na apaixonante historia de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas. Outros optaron pola  novela Tristes armas  de Marina Mayoral co obxectivo de coñecer un pouco mellor as  terribles circunstancias que sufriron moitos nenos e nenas na guerra civil. Compartirán esta lectura coa versión adaptada de Anaya do clásico Romeo y Julieta.

 Khaled Hosseini foi o autor escollido por varios dos veteranos do club: os integrantes de 3º ESO andan a voltas con Mil soles espléndidos e en 4º comezaron a ler a novela gráfica baseada na obra Cometas en el cielo. Dúas historias impresionantes e conmovedoras que os farán reflexionar moito sobre as desigualdades existentes no mundo.

Os grupos de Inglés mergullaranse nos costumes e  tradicións das culturas de Irlanda e Escocia con All About Ireland e All About Scotland de Emily Winston. Marabillosa forma de viaxar e coñecer outros mundos a través da lectura!

Para profundar máis na relación entre literatura e cinema o alumnado de bacharelato lerá Los girasoles ciegos de Alberto Méndez e asistirá á proxección da versión cinematográfica de José Luis Cuerda.