21 nov. 2014

RELATOS DE PANTASMAS


 Na primeira reunión que tivemos os Fendetestas de 1º ESO estivemos intercambiando opinións sobre o libro de Steven Zorn titulado Relatos de pantasmas. A verdade é que todos comentamos que nos gustaron moito as historias, aínda que con algunhas precisións. Démonos conta de que nos contos que lemos sempre había partes da narración que non quedaban totalmente explicadas. A razón é ben clara: é moito máis misterioso contar as cousas a medias que ofrecer todos os detalles. O descoñecido dá máis medo que o coñecido, por iso moitos dos finais son abertos e deixan que a imaxinación do lector traballe.

 Ademais de reflexionar sobre este feito e de aprender algo novo sobre a temática do misterio, tamén falamos da celebración do Samaín, xa que un dos relatos transcorre nesta máxica noite.
Aproveitamos este encontro para escoller novas lecturas e intercambiar comentarios sobre os temas que nos interesaban. Unha das propostas que tivo máis éxito foi a das historias relacionadas con asasinatos e a resolución de misterios.
A nosa próxima lectura é unha selección de Relatos escalofriantes de Roald  Dahl. Xa iremos dando conta  das nosas impresións.
.


20 nov. 2014

CRISÁLIDA...

         
        Somos o grupo de lectura de 4º de Diversificación e ímosvos contar a nosa opinión sobre o relato que acabamos de ler no libro A biblioteca da iguana, de Xosé Miranda.
                                               
     O conto titúlase Crisálida e cóntanos unha historia arredor  dunha mestra que vai dar clase a unha montaña lucense. Ao pouco de chegar, empeza a notar que suceden cousas moi raras nesa vila. O seus alumnos non teñen unha actitude normal na clase xa que a maioría deles faltan cada vez con maior frecuencia. A protagonista observa neles unha ansia desmesurada por comer,   entre outras moitas cousas, como o cedo que se deitan.

        Intenta descubrir a que se deben esas actitudes comentándollo a un mestre no que confia e a súa  resposta confírmalle que algo  misterioso está a suceder: os rapaces cambian de aspecto dun ano para outro e por iso alguén arrincara todas as fotos dos expedientes.


      Un día na clase un alumno tráballe nun brazo e a partir de aí, ela empeza a sentir  unha sensación rara. Descobre que a maior parte da poboación estáse a transformar en crisálidas das que van saír seres distintos. O que nos deixa impresionados é que cando remata o conto, ela nota moito sono,moita fame eque o seu brazo empeza a pegarse ao corpo...

       A historia está redactada en forma de varias cartas, que a protagonista envía ao seu noivo. Iso crea un efecto en nós de maior realismo: parece que as cartas están escritas ao lector.

        Recomendámosvos este conto porque nos ofrece unha historia distinta na que se mestura : misterio, ciencia ficción,  bioloxía, xeografía galega...Se vos gusta a sorpresa e o suspense, xa sabedes como pasar unha boa tarde.