30 oct 2018

ESTAMOS LENDO...


      Neste primeiro trimestre do curso a rapazada e as profesoras que forman parte do Club de Lectura  Fendetestas están somerxéndose na maxia da lectura de maneiras moi diversas.
       Un grupo formado polos  integrantes  máis novos do club  (1º ESO) comezou cos relatos  de Fina Casalderrey e Francisco Castro agrupados baixo o  título O neno can.  Outro dos grupos  optou por Querido hijo: estamos en huelga de Jordi Sierra .En 2º están inmersos  en La historia de Julián de R. J. Palacio dando así continuidade a La leccion de August,  lida o ano pasado.
     Os veteranos de 3º están seguindo as irónicas Instrucións para tomar café que nos ofrece Manuel Núñez Singala. En 4º ESO, uns optaron pola novela gráfica con Cometas en el cielo  de Khaled Hosseini e outros escolleron  Os nenos da varíola de María Solar.
     Os membros do club que xa están en 1º Bacharelato andan a relacionar uns poemas de Rosalía de Castro cuns estraños e inquietantes asasinatos que o escritor Pedro Feijoo  nos relata en   A memoria da choiva.
     Para rematar este adianto, os grupos de Francés de 4º ESO len Vingt mille lieues sous les mers de Jules Verne e, en 1º Bacharelato, Poil de Carotte de  Jules  Renard.
     Como xa é habitual, daremos conta das impresións que estas lecturas nos susciten a través deste blog.

22 oct 2018

NOVAS LECTURAS

           
     Na procura de novas propostas  para o noso club prestamos unha especial atención ás novidades literarias que o mercado editorial nos ofrece. Nesta liña está a ópera prima de Lito Vila Baleato que leva por título Campus morte.  Unha trama de crime e intriga que está seleccionada como finalista na XV edición do Premio Martín Sarmiento.
     Laura Míguez (La Laurateca) achéganos unha interesante recensión crítica sobre a obra: 



Por desgraza, levo uns meses inmersa nun parón lector que me está custando superar. O idóneo para estes casos é escoller un bo libro, algo que enganche e que teña unha trama rápida e fluída. Se a todo iso lle engades que o libro non teña demasiadas páxinas para non desanimarte e deixalo a medias, terás a receita perfecta para saír adiante. Eu atopei ese libro. Publicado este ano, Campus morte, é a primeira novela do seu autor, Lito Vila Baleato, que comeza moi forte no mundo da escrita.

O título chama bastante a atención e é o resumo perfecto da trama da obra. No Campus Sur da Universidade de Santiago houbo un asasinato, ou quizais máis dun… Iago Miranda, profesor de universidade, recibe unhas mensaxes desesperadas e chamadas perdidas do seu amigo Martín mentres está dando clase, e cando intenta poñerse en contacto con el, non o consegue. O único que sabe é que deixou un sobre para el nun lugar coñecido por ambos, e que debe ir recollelo se lle pasa algo. Pouco despois aparece o seu cadáver, mallado e con só nove dedos nas mans. Por se fora pouco inquietante, Martín andaba a investigar o caso de Kathrin, unha estudante de Erasmus que morrera fai 15 anos nese lugar. Iago, en compañía de amigos e familiares, intenta descubrir quen matou ao seu amigo e por que, poñendo en risco a súa propia vida.

Campus morte é unha novela de suspense que, malia a sinxeleza da súa trama, engancha dende o comezo, xa que a forma de narrar do autor é sublime e fai que medre unha sensación de estrés por descubrir o nome do asasino. Para min, isto e o rápido que avanza a acción son os puntos positivos da novela. Porén, creo que Lito Vila podía aproveitar aínda máis a historia que creou, enredando máis os acontecementos e engadindo máis matices á psicoloxía de cada personaxe, construíndo un interior máis profundo para algúns como Martín ou Iago. Atopeinos a todos un pouco incompletos e simples, debido quizais á escasa lonxitude do libro. En menos de 200 páxinas é complicado caracterizar por completo a cada persoa que intervén na historia, pero non é imposible. Se comparo a dificultade da trama e a caracterización das personaxes coa doutros libros de temática semellante, Campus morte non quedaría en moi bo lugar. O primeiro que se me ven á cabeza é Memoria da choiva, de Pedro Feijoo, unha novela tamén recente que probablemente sexa das mellores lecturas que puideron caer ata agora nas miñas mans. Nela, o autor soubo aproveitar por completo a trama da obra, e complicala ata un punto sorprendente, que me fai pensar no marabilloso que pode ser o cerebro humano á hora de fabricar historias. En cambio, á novela protagonista desta recensión fun capaz de adiviñarlle o final cando ía, máis ou menos, pola metade da novela. Debo engadir que sempre fallo ao intentar adiviñar o desenlace dunha obra, polo que vos podedes facer unha idea do mal que o fixo o autor. Por outra parte, non sei se Lito Vila ten pensado facer unha segunda parte, porque algúns fíos da historia quedaron sen pechar…

Non obstante, aínda que fora tan sincera co parágrafo anterior, tamén o vou ser neste ao dicir que o libro, ao fin e ao cabo, gustoume. Considero que é a lectura idónea para pasar un bo anaco e, ao cabo de dúas semanas, ter esquecida a trama do libro por completo. Recoméndollo a todas aquelas persoas que gocen cos libros de intriga e misterio, pero que non esperen atoparse con algo ao estilo de Sir Arthur Conan Doyle, porque hai nivel, pero non tanto. Elemental, queridos lectores. 
                                                                                   Laura Míguez (2º Bach B)