30 abr. 2018

FALANDO SOBRE A CAIXIÑA DOS RANCORES


Imaxe relacionada         Neste mes que agora remata,  os fendetestas de 3º de ESO vimos de  ler A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville. Trátase dunha novela na que o protagonista, un rapaz que vén de rematar Bacharelato, atropela coa súa moto unha anciá -Chiruca-. A xuíza Felpeto imponlle ao rapaz, como condea, acompañar á víctima do atropelo durante o mes de xullo un par de horas polas tardes. Estevo, que así se chama o mozo, cumpre a obriga imposta e vai coñecer, por boca de Chiruca, unha curiosa historia do seu pasado: a muller, que vive soa, quedou viúva ben nova e deu a luz pouco despois un rapaz que naceu morto, pero que ela non chegou a ver. Este feito vai desencadear unha investigación por parte de Estevo e de Paula -a súa moza-, que destapará un feito formidable: Chiruca non tivo un fillo, senón unha filla e está viva, aínda que a anciá non imaxine tal cousa...

       A novela resultounos de lectura fácil: pensamos que mesmo lle sobran páxinas, pois algunha parte do relato podería desaparecer e non pasaría nada relevante para o desenvolvemento da acción (por exemplo, o relacionado co traballo da nai do protagonista). Os aspectos que máis destacariamos nesta historia son os seguintes: 


- A presenza de personaxes novos, que conectan con nós. 

- A orixinalidade de presentar unha relación de amizade entre un mozo e unha muller que podería ser a súa avoa. 

- A temática do rapto de rapaces ao nacer durante a época franquista, cunha total indefensión das pobres nais, moitas veces solteiras ou viúvas (coma Chiruca) e con pouca formación para protestar ou investigar. 

- A participación no relato  dunha xuíza que dicta sentenzas exemplares. Este elemento temático serviunos para falar da xustiza na sociedade actual e levounos a coñecer ao xuíz Calatayud, coñecido polo enfoque "práctico", "humano" e "socializador" das súas sentenzas. Aquí vos deixamos un vídeo no que se presenta o seu traballo e o seu perfil humano. 


     

Agora só nos queda agardar o encontro co autor da novela, ao que esperamos recibir no noso IES antes do remate deste curso. 






ENCONTRO CON VÍCTOR FREIXANES

        
      O alumnado de 1º de bacharelato mantivo  o pasado 9 de abril un encontro literario co escritor e actual presidente da Real Academia  Galega Victor Freixanes. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, estaba centrada na súa obra Cabalo de ouros. A crónica desta interesantísima charla está publicada no blog de Curtisbiblio. 
        No club Fendetestas queremos compartir a nosa ledicia e entusiasmo por ter a oportunidade de gozar da enriquecedora personalidade de Víctor Freixanes.  Asemade, dende o noso espazo na rede, queremos darlle difusión  á magnífica video-recesión elaborada por  Laura Míguez.

22 abr. 2018

SEMANA DO LIBRO EUROPEO NO IES DE CURTIS


        Ao longo desta semana, desde o 23 de abril ata o día 30,  podedes entrar no noso blog de biblioteca  para coñecer as videorecensións feitas polo  noso alumnado sobre diferentes autores e títulos da literatura europea. 



        Con esta actividade queremos contribuír non só á celebración do Día do Libro, senón tamén á difusión do acervo literario do continente, obxectivo importante para Curtisbiblio  neste ano 2018, Ano Europeo do Patrimonio Cultural. 

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE


       Esta novela do escritor británico  Mark Haddon é unha das obras máis coñecidas da literatura contemporánea. Conta a historia dun rapaz de quince anos chamado Christopher que vive co seu pai na cidade de Swindon e que ten síndrome de Asperger, un trastorno do espectro autista. A trama iníciase cando atopa morto o can dunha veciña e quere investigar as causas do falecemento. Decide, por consello da súa profesora de Educación Especial, anotar todos os descubrimentos nun caderno.  Dese xeito, o lector vai coñecendo datos da súa vida relativos  á realidade cotiá  e  tamén sobre a relación que o dono do can mantiña coa súa nai e o “falecemento” desta. A actitude do  pai  determina a sucesión dos acontecementos ata chegar a un sorprendente desenlace que non imos desvelar.

O curioso incidente do can á medianoite é un libro que nos ofrece momentos de humor mesturados coa intriga detectivesca, pero, sobre todo, o que destaca é a grande sensibilidade e a visión da perspectiva  da realidade que ofrece o protagonista.

Nas sesións que lle dedicamos a esta obra falamos das relacións entre os pais e os fillos e das consecuencias que pode implicar a nivel emocional a ruptura da unidade familiar. Tamén tratamos o tema do Asperger e do que aprendemos coa lectura da obra sobre esta síndrome. Xurdiron comentarios sobre personaxes de ficción como Sherlock Holmes ou Sheldon Cooper (Big Bang Theory) que presentan características que encaixan perfectamente nese perfil. Soen ser persoas extremadamente intelixentes que perciben a realidade dun xeito peculiar. Adoitan presentar dificultades para comprender o comportamento humano e, moitas veces, teñen dificultades para relacionarse.  

 Os comentarios sobre o libro foron moi diversos: para algúns, o comportamento do rapaz resultaba ás veces un pouco exasperante; a outros, o feito de que o protagonista fose un mozo con Asperger resultoulles moi interesante e valoraron  moi positivamente a posibilidade que a narración ofrece de coñecer un pouco mellor como funciona a mente destas persoas. A mestura de elementos presentes na obra: amor, rexeitamento, misterio, diversión... constrúe unha narración moi  estimulante e pouco convencional. Como curiosidade, destacouse o feito de que non hai capítulos pares, todos son impares, feito este determinado por unha das moitas obsesións do protagonista.

Rematamos recomendando a lectura dunha obra singular, orixinal, entretida, emotiva e enriquecedora.

 Lucía  Vigo, Jinlei Dong e Cristian Morandeira

20 abr. 2018

O AGASALLO DE ANYA


      Vimos de ler, algúns dos fendetestas de 1º de ESO,  a noveliña O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala. Pareceunos un relato tan sinxelo coma interesante: canto se pode dicir nun libriño tan pequeno! O certo é que nos serviu para recordarnos da sorte que temos por vivir nun país onde hai escolas e hospitais e nunha familia que nos permite poder escoitar e abrazar cada día aos nosos pais e irmáns. 

Resultado de imaxes para o agasallo de anya


Velaquí algunhas das nosas reflexións, expostas na tertulia posterior á lectura da novela: 

- Unha das cousas que máis me gustou do libro foi que onde vive Anya os nenos maiores ensinaban o que sabían aos pequenos. Nós, como temos profes....                                                  
Tamén me fixo pensar  que a Shasha non lle fixeran caso ó comenzo os rapaces españois: terían que acollelo doutro xeito.                                                                                           (Ari)          

- Que mal o pasan os nenos que viven en países coma o de Anya ou en Siria, én Israel ou en moitos países de Africa...                                                                                                           (Manuel)

Dentro das condicións en que viven eses nenos ucraínos, teñen a oportunidade de aprender cousas e de vivir con outros rapaces que lles van axudar a ser mellores... Descubren valores moi importantes na vida.                                                                                                      (Zoraida) 


2 abr. 2018

L’HOMME AU MASQUE DE FER



     Os fendetestas de 4ºESO de francés, embarcámonos na lectura do libro de Alejandro Dumas, L’homme au masque de fer, que narra a historia dun persoeiro francés que está encerrado na prisión da Bastilla, por motivos que se descoñecen, pero si hai algo moi curioso: o prisioneiro garda certa relación co antigo rei francés Luis XIV, ao parecer é o irmán xemelgo do anterior, pero axudado por Aramis, e liberado co fin de reclamarlle a coroa, a seu irmán, máis tarde é descuberto, o que levará represalias.

OS FENDETESTAS DE 4ºESO