Esta novela do escritor británico Mark Haddon é unha das obras máis coñecidas
da literatura contemporánea. Conta a historia dun rapaz de quince anos chamado
Christopher que vive co seu pai na cidade de Swindon e que ten síndrome de
Asperger, un trastorno do espectro autista. A trama iníciase cando atopa morto
o can dunha veciña e quere investigar as causas do falecemento. Decide, por
consello da súa profesora de Educación Especial, anotar todos os descubrimentos
nun caderno. Dese xeito, o lector vai
coñecendo datos da súa vida relativos á realidade cotiá e tamén sobre a relación que o dono do can mantiña coa súa
nai e o “falecemento” desta. A actitude do pai determina a sucesión dos
acontecementos ata chegar a un sorprendente desenlace que non imos desvelar.
O curioso incidente do can á medianoite é un libro que nos ofrece
momentos de humor mesturados coa intriga detectivesca, pero, sobre todo, o que destaca
é a grande sensibilidade e a visión da perspectiva da realidade que ofrece o protagonista.
Nas sesións que lle dedicamos a esta
obra falamos das relacións entre os pais e os fillos e das consecuencias que
pode implicar a nivel emocional a ruptura
da unidade familiar. Tamén tratamos o tema do Asperger e do que aprendemos coa
lectura da obra sobre esta síndrome. Xurdiron comentarios sobre personaxes de ficción como Sherlock Holmes ou
Sheldon Cooper (Big Bang Theory) que presentan características que encaixan
perfectamente nese perfil. Soen ser persoas extremadamente intelixentes que perciben
a realidade dun xeito peculiar. Adoitan presentar dificultades para comprender
o comportamento humano e, moitas veces, teñen dificultades para relacionarse.
Os comentarios sobre o libro foron moi
diversos: para algúns, o comportamento do rapaz resultaba ás veces un pouco exasperante; a outros, o feito de que o protagonista fose un mozo con Asperger resultoulles
moi interesante e valoraron moi positivamente
a posibilidade que a narración ofrece de coñecer un pouco mellor como funciona
a mente destas persoas. A mestura de elementos presentes na obra: amor,
rexeitamento, misterio, diversión... constrúe unha narración moi estimulante e pouco convencional. Como
curiosidade, destacouse o feito de que non hai capítulos pares, todos son
impares, feito este determinado por unha das moitas obsesións do protagonista.
Rematamos recomendando a lectura dunha
obra singular, orixinal, entretida, emotiva e enriquecedora.
Lucía
Vigo, Jinlei Dong e Cristian Morandeira
No hay comentarios:
Publicar un comentario