28 may. 2014

O PAZO BALEIRO



 Pechamos curso coa lectura de O Pazo Baleiro de Xabier  P. Docampo. Na última reunión do club de lectura estivemos comentando esta intrigante historia e intercambiando as nosas impresións sobre ela.
En xeral,  a todas nos pareceu unha lectura das que “enganchan” dende o primeiro momento e que fan que esteas desexando seguir lendo. O misterio comeza cando os protagonistas (Nicolás e o seu tío) atopan nun reloxo antigo unhas cartas de amor  e un pano cunhas iniciais.
Ao principio, antes de introducirnos na investigación do enigma, chamounos a atención o feito de que  Nicolás non acudise á escola. Dábanos un pouco de envexa,  aínda que tamén nos demos conta de que ir ao instituto ten  moitas cousas boas, como, por exemplo, a relación cos amigos. Precisamente este é un dos temas que máis importancia ten na historia: o valor da amizade. Na novela aparece na relación que Nicolás ten con Ramiro, Sol, Társila (os seus amigos) e incluso co seu tío. Este último é un personaxe moi particular. Representa o espírito aventureiro e non ten unha boa relación co  seu irmán, o pai do protagonista. Afortunadamente todo remata cunha reconciliación familiar. A verdade é que este libro de Xabier Docampo deunos  pé para falar de moitos temas ben interesantes.
Mais estamos esquecendo o aspecto máis importante da historia, a resolución do misterio do pazo onde estaba o reloxo.  Unha das partes que máis nos gustou foi cando Nicolás e os seus amigos entran nel para investigar. Non imos desvelar como se resolve o misterio, pero si diremos que nos fixo pensar na importancia da familia e como os intereses económicos cambian as persoas e fai que sexan egoístas.
 Recomendámoslles esta novela aos lectores afeccionados ao misterio, pero tamén aos que lles gusten as historias de investigación e amizade.
 Nesta última  reunión deste curso tamén falamos da experiencia de formar parte do club de lectura. Valorámola moi positivamente e pensamos continuar o vindeiro curso. Como agasallo final deixámosvos algunhas recomendacións lectoras:
Olalla  Corral  recomenda Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dahl.
Bianca  Mirciu comenta que lle encantou As lágrimas de Shiva de César Mallorquí.
Lucía  Vigo conta entre as súas lecturas favoritas  O pazo baleiro de  Xabier P. Docampo.
Ara  Vázquez e Lucía Martínez escollen para facer a súa recomendación os  clásicos do terror: Frankestein e O home lobo.

 Bo verán e felices lecturas!

23 may. 2014

SEMPRE ANA FRANK...

   

     Os fendetestas de 3º e 4º de ESO acabamos xa as tertulias entorno a Ana Frank. La biografía gráfica. Certo é que nos deu moito de que falar, non só polo que presenta de contido histórico senón tamén polo que ofrece a obra desde o punto de vista humano e moral.

      O primeiro que queremos destacar é que trata sobre unha realidade, recreada no mundo da literatura e do cinema,  que non se debe volver a repetir. O drama de Ana Frank mostranos a maldade e as inxustizas que pode cometer o ser humano: temos que pensar que Ana Frank podíamos ser todos.

      Nos comentarios da obra falamos tamén das consecuencias das guerras, da intolerancia con relixións e culturas diferentes e tamén do valor da familia e do cariño cando as cousas van moi mal. Por certo, tamén foron xurdindo referencias ao significado e orixe de  palabras que non eran habituais para nós: sinagoga, pogromo, holocausto...

       Recomendámosvos esta fermosa novela gráfica  a todos os que considerades a sensibilidade, o respecto, a tolerancia e a necesidade de saber como pezas fundamentais na engranaxe  dun mundo mellor.


            Finalmente, deixámosvos aquí o enlace á versión cinematográfica da obra.