Pechamos curso coa lectura de O Pazo Baleiro de Xabier P. Docampo.
Na última reunión do club de lectura estivemos comentando esta intrigante
historia e intercambiando as nosas impresións sobre ela.

Ao principio, antes de introducirnos na investigación do enigma,
chamounos a atención o feito de que
Nicolás non acudise á escola. Dábanos un pouco de envexa, aínda que tamén nos demos conta de que ir ao
instituto ten moitas cousas boas, como,
por exemplo, a relación cos amigos. Precisamente este é un dos temas que máis
importancia ten na historia: o valor da amizade. Na novela aparece na relación
que Nicolás ten con Ramiro, Sol, Társila (os seus amigos) e incluso co seu tío.
Este último é un personaxe moi particular. Representa o espírito aventureiro e
non ten unha boa relación co seu irmán,
o pai do protagonista. Afortunadamente todo remata cunha reconciliación
familiar. A verdade é que este libro de Xabier Docampo deunos pé para falar de moitos temas ben
interesantes.
Mais estamos esquecendo o aspecto máis importante da historia, a
resolución do misterio do pazo onde estaba o reloxo. Unha das partes que máis nos gustou foi cando
Nicolás e os seus amigos entran nel para investigar. Non imos desvelar como se resolve o misterio,
pero si diremos que nos fixo pensar na importancia da familia e como os
intereses económicos cambian as persoas e fai que sexan egoístas.
Recomendámoslles esta novela aos
lectores afeccionados ao misterio, pero tamén aos que lles gusten as historias
de investigación e amizade.
Nesta última reunión deste curso tamén falamos da experiencia
de formar parte do club de lectura. Valorámola moi positivamente e pensamos
continuar o vindeiro curso. Como agasallo final deixámosvos algunhas
recomendacións lectoras:
Olalla Corral recomenda Charlie e a fábrica de chocolate de Roald
Dahl.
Bianca Mirciu comenta que lle encantou As
lágrimas de Shiva de César Mallorquí.
Lucía Vigo conta entre as súas lecturas favoritas O pazo
baleiro de Xabier P. Docampo.
Ara Vázquez e Lucía Martínez escollen para facer a súa recomendación os clásicos do terror: Frankestein e O home lobo.
Bo verán e felices lecturas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario