20 nov. 2018

INSTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ


     Os rapaces e as rapazas de 3º ESO comezamos o curso lendo Instrucións para tomar café de  Manuel Núñez Singala. Na reunión que dedicamos a falar do libro comentamos que o título nos parecera moi curioso e incluso un  chisco enganoso.  Son contos  moi breves (case microrrelatos) de temas moi diversos que ofrecen unha radiografía do ser humano con pequenas reflexións ao xeito de pinceladas que debuxan a  nosa sociedade.  Divídese en catro seccións: “Libro de reclamacións”, “Libro de estilo”, “Libro de instrucións” e “Libro de contos”.  No terceiro apartado  o autor inclúe o seguinte aviso: As presentes instrucións  diríxense  a todos aqueles visitantes  non galegos que se achegan por primeira vez ao noso país. Tamén aos galegos con sentido do humor. Estes textos achégannos un retrato da nosa cultura e  da maneira de ser que nos identifica e singulariza como galegos.

     Un  dos relatos dos que falamos  na posta en común foi o titulado “Cocido familiar” no que se vai narrando dunha maneira moi peculiar a xuntanza no Entroido dunha familia. A nai é a encargada de facer a comida para os fillos e as súas respectivas parellas. O curioso da situación é que como todos teñen moitas suxestións ou restricións sobre a maneira de facer o cocido, a cociñeira decide presentar unha fonte baleira.   Para nós, a actitude da muller representa unha rebelión ante a incomprensión e a escasa valoración do seu traballo.

      Outro dos relatos comentados foi  “Instrucións para pedir cousas”. Neste caso o autor presenta  de maneira irónica unha serie de tópicos ou  estereotipos asociados coa maneira de ser dos galegos. A famosa retranca ou  o feito de non dicir claramente a idea que se quere comunicar definen a nosa identidade como pobo.  Os galegos non lle dicimos a ninguén se pode levarnos á casa; damos un rodeo e preguntámoslle se trouxo coche agardando que nos pregunte se queremos que nos leve. Pareceunos moi divertida e ocorrente esta reflexión e sentímonos identificados con moitas da situacións que se presentan neste texto.

     Rematamos esta crónica escollendo novas lecturas: unha escolma de Relatos escalofriantes de Roald Dahl e de Contos de Edgard Allan Poe.

12 nov. 2018

LA HISTORIA DE JULIAN


      Os fendetestas de 2º de ESO lemos o pasado ano La lección de August e vimos tamén a película. Como foi un libro que nos gustou, decidimos arrancar este curso coa lectura de La historia de Julian, que vén sendo unha continuación do libro do que falamos ao comezo. 

Resultado de imaxes para la historia de julian
      En La lección de August aparece a historia contada desde distintos puntos de vista: cada personaxe presenta os feitos e veos desde o seu ángulo. Moitos deles falan, no capítulo no que eles son narradores, de Julian, ese rapaz que se convirte no gran inimigo, case enfermizo, do bo de Auggi: non só o acosa, senón que ademais os pais -sobre todo a nai- xustifica esa actitude. 


      Nesta "segunda parte", vemos como Julian é así porque seus pais o educaron para que fose así: a nai é unha persoa soberbia e pouco humana, á que lle resulta imposible entender como un neno coma Auggi pode ir a un colexio normal, onde a maior parte do alumnado ten un aspecto físico "normal".
    Iso deunos pé a falar da importancia que teñen os pais na educación dos fillos: somos o que nosos pais fan de nós, eles son os nosos referentes. Educar é algo moi serio e de facelo ben ou mal vai depender na maioría dos casos a vida futura dos máis novos. 

       A lectura do libro axudounos tamén a recordar o importantes que son, moitas veces, os avós: persoas cheas de experiencia e sabiduría, que poden aportar moito aos máis novos. 

      Finalmente, quedounos moi claro que todos podemos cometer erros, coma Julian: e deses erros convén aprender para ser mellores e para non volver a tropezar na mesma pedra... Ah, e que ninguén é perfecto e que os defetos morais e éticos son moito máis perigosos e dañinos que os físicos!!