20 nov 2018

INSTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ


     Os rapaces e as rapazas de 3º ESO comezamos o curso lendo Instrucións para tomar café de  Manuel Núñez Singala. Na reunión que dedicamos a falar do libro comentamos que o título nos parecera moi curioso e incluso un  chisco enganoso.  Son contos  moi breves (case microrrelatos) de temas moi diversos que ofrecen unha radiografía do ser humano con pequenas reflexións ao xeito de pinceladas que debuxan a  nosa sociedade.  Divídese en catro seccións: “Libro de reclamacións”, “Libro de estilo”, “Libro de instrucións” e “Libro de contos”.  No terceiro apartado  o autor inclúe o seguinte aviso: As presentes instrucións  diríxense  a todos aqueles visitantes  non galegos que se achegan por primeira vez ao noso país. Tamén aos galegos con sentido do humor. Estes textos achégannos un retrato da nosa cultura e  da maneira de ser que nos identifica e singulariza como galegos.

     Un  dos relatos dos que falamos  na posta en común foi o titulado “Cocido familiar” no que se vai narrando dunha maneira moi peculiar a xuntanza no Entroido dunha familia. A nai é a encargada de facer a comida para os fillos e as súas respectivas parellas. O curioso da situación é que como todos teñen moitas suxestións ou restricións sobre a maneira de facer o cocido, a cociñeira decide presentar unha fonte baleira.   Para nós, a actitude da muller representa unha rebelión ante a incomprensión e a escasa valoración do seu traballo.

      Outro dos relatos comentados foi  “Instrucións para pedir cousas”. Neste caso o autor presenta  de maneira irónica unha serie de tópicos ou  estereotipos asociados coa maneira de ser dos galegos. A famosa retranca ou  o feito de non dicir claramente a idea que se quere comunicar definen a nosa identidade como pobo.  Os galegos non lle dicimos a ninguén se pode levarnos á casa; damos un rodeo e preguntámoslle se trouxo coche agardando que nos pregunte se queremos que nos leve. Pareceunos moi divertida e ocorrente esta reflexión e sentímonos identificados con moitas da situacións que se presentan neste texto.

     Rematamos esta crónica escollendo novas lecturas: unha escolma de Relatos escalofriantes de Roald Dahl e de Contos de Edgard Allan Poe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario