23 abr. 2015

UNHA BOA MANEIRA PARA REFLEXIONAR SOBRE A CONVIVENCIA DO GALEGO E DO CASTELÁN



Por fin, os fendetestas de 4º de ESO rematamos a lectura e o diálogo sobre a Comedia Bífida, de M.Núñez Singala. Esta obra serviunos para varias cousas:

- Entendemos o que era unha comedia: é unha peza teatral que non só serve para facer rir senón tamén para criticar aspectos da sociedade que están mal.
- Démonos conta da desigualdade entre dúas linguas irmáns como son o galego e o castelán.
- Aprendemos novos conceptos como bilingüísmo e diglosia, normalización e normativización, interferencias lingüísticas, variedades xeográficas da lingua...
- Comprobamos unha vez máis que o humor facilita a aprendizaxe e a comprensión do que se nos quere ensinar.

Velaquí algunhas das nosas opinións sobre esta obra na que se representa o xuízo final polo que debemos pasar ao morrer para dar conta dos nosos "pecados" no que respecta ó uso da lingua galega: 

-" O personaxe que máis me divertiu foi Luci ( o demo): pareceume moi orixinal a súa vestimenta e a maneira de xesticular, parecía unha muller". BRUNO
- " Resultáronme moi graciosas as siamesas Lina e Lana: utillizan expresións que fan rir como Ser un pouco diésel para referirse a alguén que entende con lentitude. Porén son dous dos personaxes máis despectivos fronte o galego e iso fai que non me identifique para nada con elas". LORENA
- "Gustoume especialmente a escena das duas nais cos seus fillos e recordoume unha obra de teatro que vimos hai uns meses na que se representaba isto mesmo. Chámame a atención que esa situación sexa tan cotiá na nosa sociedade, mágoa que haxa que poñela enriba dun escenario para que nos decatemos dela". SERGIO
- "Parecéronnos moi cómicas as intervencións de Deus: en ningún momento aparece a súa voz nin o seu aspecto. Cada vez que alguén di tacos ou actúa incorrectamente emite un trono que fai rir ó público". MARTA E RUBÉN

Para rematar queremos animarvos a ler o novo libro deste autor, titulado Instrucións para tomar café , no que a través de microrrelatos segue  a reflexionar sobre a situación lingüística do galego.

21 abr. 2015

AS LÁGRIMAS DE SHIVA




As lágrimas de Shiva conta a historia dun rapaz que, a causa da enfermidade contaxiosa que sofre o seu pai, se ve obrigado a pasar o verán cuns familiares (tíos e primas) que case non coñece. Alí agárdao unha experiencia moi interesante e un enigmático misterio que vai tentar resolver coa axuda dunha das súas curmás.
A lectura desta novela de César Mallorquí foi un éxito total. Estivemos analizando e comentando as razóns polas que este libro nos gustou tanto. Para algúns a clave estivo en  combinar o misterio con outras temáticas do noso interese e coas que nos sentimos identificados: amor, amizade, relacións familiares... As investigacións no pasado da familia foi unha das partes que máis interesou á maioría. Tamén falamos do que non nos agradou tanto: a relación amorosa entre o protagonista e a súa prima pareceunos a algúns un chisco precipitada e algo irreal. Tampouco nos encantaba cando a investigación da historia familiar quedaba en segundo lugar, coma un pouco esquecida.
Para rematar, relacionamos o misterio familiar  de As lágrimas de Shiva coa historia de Romeo e Xulieta e falamos dun feito histórico ao que se fai referencia na novela: a chegada do home á Lúa.
 Fendetestas 1º ESO