15 ene. 2012

DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE

Nas vacacións de Nadal os Fendetestas de 2º ESO lemos Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín. Nesta primeira semana de clase tivemos unha reunión onde estivemos comentando o libro. As impresións foron variadas: a moitos de nós non nos entusiasmou, polo contrario a outros pareceunos moi ocorrente e orixinal. Todos coincidimos en que foi moi gracioso o capítulo no que Ramón Lamote imparte unha conferencia sobre un animal imaxinario: o entomodelfo, e como o público asistente está encantado co tema aínda que non teñen nin idea de que é. Comentando entre todos démonos conta de que a ironía e a crítica estaban presentes en cada unha das historias e que había un profundo ataque aos políticos e á hipocrisía da sociedade. O aparente absurdo das situacións levounos a reflexionar sobre as intencións do autor á hora de escribir este orixinal libro e concluímos que tiña moito máis fondo do que parecía nunha primeira lectura.

Imos seguir lendo a Paco Martín, concretamente un conto que pertence ao libro Contos do museo de Lugo. Xa vos contaremos máis cousas do conto e tamén do autor.

9 ene. 2012

QUEN É AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ ?


No club de lectura de 2º ESO estivemos lendo un relato deste autor que se chama O enigma do menhir. Na nosa última reunión antes do Nadal estivemos comentándoo. O ano pasado en 1º ESO xa leramos un libro titulado Contos por palabras. Todo isto fixo que nos interesásemos por saber máis cousas deste escritor e fixemos unha pequena investigación sobre el.

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba no 1947.
É autor de diferentes novelas e libros de relatos como: Contos por palabras, Cartas de inverno, Rapazas, Cos pés no aire, As flores radiactivas, O laboratorio do doutor Nogueira entre moitos outros.
Este escritor recibiu moitos premios pero o máis recente foi o que lle deron en Guadalaxara (México), o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil.
É o primeiro galego incluído na antoloxía Best European Fiction 2012 pola súa novela O único que queda é o amor, que foi traducida ao inglés por Jonathan Dunne.
Outras obras publicadas recentemente por este escritor son Non hai noite tan longa e Fantasmas de luz.

Máis información en:
 http://www.agustinfernandezpaz.com/