15 ene 2012

DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE

Nas vacacións de Nadal os Fendetestas de 2º ESO lemos Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín. Nesta primeira semana de clase tivemos unha reunión onde estivemos comentando o libro. As impresións foron variadas: a moitos de nós non nos entusiasmou, polo contrario a outros pareceunos moi ocorrente e orixinal. Todos coincidimos en que foi moi gracioso o capítulo no que Ramón Lamote imparte unha conferencia sobre un animal imaxinario: o entomodelfo, e como o público asistente está encantado co tema aínda que non teñen nin idea de que é. Comentando entre todos démonos conta de que a ironía e a crítica estaban presentes en cada unha das historias e que había un profundo ataque aos políticos e á hipocrisía da sociedade. O aparente absurdo das situacións levounos a reflexionar sobre as intencións do autor á hora de escribir este orixinal libro e concluímos que tiña moito máis fondo do que parecía nunha primeira lectura.

Imos seguir lendo a Paco Martín, concretamente un conto que pertence ao libro Contos do museo de Lugo. Xa vos contaremos máis cousas do conto e tamén do autor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario