29 ene. 2016

EL ÚLTIMO MUERTO



  Os fendetestas de 2º ESO estivemos lendo El último muerto de Fernando Lalana. Este escritor é xa un vello coñecido para moitos de nós porque o ano pasado puidemos gozar da lectura doutra obra súa: La tuneladora.
 
 
  Os dous libros cóntannos historias de misterio nas que aparece un personaxe moi curioso: o detective privado  Fermín Escartín.  Neste caso enfróntase a unha dobre investigación relacionada cunhas estrañas desaparicións. Nas reunións que mantivemos para comentar o libro e intercambiar opinións todos  estivemos de acordo en que a lectura   nos resultou  moi interesante e entretida.  Ademais de falar da trama e dos personaxes tamén  xurdiu a comparación  con La tuneladora. A moitos de nós pareceunos que El último muerto tiña un ritmo máis pausado, como se a acción avanzase máis lentamente. Seguramente isto estea relacionado co feito de que aparecen moitos personaxes e que  cada vez a historia se vai complicando máis. 

   A imaxinación dos lectores voou libremente á hora de poñerlle cara ao personaxe de  Fermín Escartín: para algúns é un personaxe que pode lembrar  ao cinematográficoTorrente. Tamén a ambientación relativa ao restaurante que frecuenta o protagonista (La comadreja parda) mereceu a nosa atención: imaxinámolo sucio, desleixado e un chisco noxento.

  Hai moitos aspectos do libro que nos chamaron  a atención porque nos pareceron curiosos, sorprendentes e incluso desacougantes.  A organización creada nun pobo  para loitar contra a violencia de xénero (Mary  Wollstonecraft), as tatuaxes que unha tal Circe lles facía aos agresores das mulleres ou a estraña  personaxe de Elisa Lobo (nai de familia e asasina a soldo) son algúns dos que foron máis comentados. 

   As escenas de “acción” tamén tiveron moito éxito, por exemplo cando tiran a Fermín polo barranco. Todos estivemos de acordo en que o final foi moi impactante e que ninguén o agardaba.

  El último muerto é un libro que dende o principio ata o final non deixa de sorprender. Recomendamos a súa lectura a todos os  afeccionados ao  misterio  e a intriga. Para os  que lestes La tuneladora aquí tedes unha fantástica oportunidade para volvervos a atopar con Fermín Escartín enfrontándose a un novo enigma. 

   E, para rematar, se ademais de ler a obra que vos recomendamos queredes ter máis información sobre o autor podedes acceder pinchando aquí.

22 ene. 2016

MAUS... ALGO MÁIS QUE UNA NOVELA GRÁFICA

     
    Os fendetestas de 1º de Bacharelato rematamos estes días a lectura de Maus, novela gráfica de Art Spiegelmman, gañadora hai uns anos do premio Pulitzer e centrada no horror do holocausto nazi e na complexidade dos seres humanos e das súas relacións afectivas.
    Cremos que é merecedora deste premio por conseguir transmitirnos a través da novela gráfica un contido que non é habitual neste formato, xa que o asociamos a mensaxes triviais e ao humor.

    Resultounos sorprendente a animalización dos personaxes, todos eles con mensaxes implícitas a cerca do seu papel na sociedade do momento: os xudeos son ratos, os alemáns, gatos, os polacos aparecen como porcos e os franceses, rás. Este recurso fai que lembremos as fábulas, que teñen unha moralexa final, ao igual que a historia.

 
    Vladek, o protagonista, é o personaxe máis destacable. Pode chegar a parecernos frío, avaro e egoísta, mais non conseguimos sentir repulsa por el, gracias ao duro pasado que provoca iso e á humanización da que se dota grazas á súa muller, Anja.

    Merece a pena que a leades porque teredes unha visión máis persoal da guerra dos nazis e os xudeus e darédesvos de conta do complexos que pode chegar a ser o ser humano.