29 ene. 2015

TEATRO...PARA LER, PARA RIR E PARA PENSAR.


  

       Os fendetestas de 4º ESO estamos a ler (¡en vivo e en directo!),  a Comedia bífida, de Núñez Singala. Trátase dunha curiosa versión do Xuízo Final. Con San Pedro como xuíz supremo, os mortos desta obra de teatro son xulgados pola súa actitude na vida a prol ou en contra do uso da lingua propia.



    Pois ben, o punto de partida xa nos fixo rir un pouco: cómpre estarmos mortos para entrar na pel de cada un dos personaxes. Condición curiosa, non si?  Pouco a pouco o sorriso vai medrando: atopámonos cun demo un tanto peculiar e cuns empregados dese "organismo" que é a Sala do Xuízo Final ben curiosos...

        Pero... non todo é rir: estamos a ver que comunicar no teatro non é tan doado como parece: coidar xestos e entonación esixe empeño e concentración... Seguiremos ao longo destas semanas co noso intento non só de entender a mensaxe do autor, senón de lograr transmitila con humor e acerto.



     
     

22 ene. 2015

CARTAS DE INVERNO



 Algúns dos Fendetestas de 1º ESO aproveitamos as  pasadas vacacións de Nadal para ler  unha novela de Agustín Fernández Paz que se titula  Cartas de inverno. Todos estivemos de acordo en que nos pareceu unha historia ben misteriosa e interesante e queremos contarvos un pouquiño o seu argumento.
Adrián, un recoñecido pintor a nivel internacional, merca unha casa pretendidamente “encantada” aceptando un reto que lle fixo un  amigo seu  escritor que se chama Xabier. Cando se traslada a vivir a ela comezan a acontecer unha serie de feitos estraños ou paranormais:  incomprensibles chamadas telefónicas, mensaxes de peticións de socorro a través do fax, debuxos petroglíficos nas portas… Pero o máis desacougante dos fenómenos acontecidos na casa foi para nós foi o dun gravado  que ía cambiando a imaxe. O protagonista atopou un libro no faiado; nel había un debuxo que non  figuraba no índice no que aparecía unha rapaza nunha habitación. O incrible é que cada vez que Adrián  volvía mirar o debuxo a rapaza tiña cambiado de posición .
 Non vos contamos máis, pero aproveitamos para deixarvos as nosas impresións e recomendarvos que vos animedes a lelo.


 Sabela comenta que lle pareceu unha novela moi interesante, xa que  intriga dende o principio e obriga a seguir lendo.  Unicamente  cambiaría o final porque lle gustaría que fose máis concreto.
Leonardo di que a pesar de que el non é un lector entusiasta da temática de misterio, acabou “enganchado” pola historia. Explica que, xa dende o comezo, crea moito afán por saber o que vai pasar a  continuación. O final tamén lle pareceu un pouco raro.
Ángela, que leu a versión en banda deseñada, comenta que os debuxos eran  impresionantes e  que a historia lle pareceu moi intrigante. 
Yago remata recomendándovos o libro e definíndoo como interesante, misterioso e inquietante.