31 mar. 2019

12 mar. 2019

ANDREA MACEIRAS

      
     O vindeiro luns, 18 de marzo, faremos un alto entre exame e exame para manter un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras. Esta será a segunda vez que teñamos a honra de recibila no noso centro, pois xa estivo no IES de Curtis fai uns anos para falarnos de O segredo do lagarto arnal.  
      Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO asistirá a  unha sesión dedicada á obra Europa Express. Posteriormente a rapazada do Club de Lectura de 4º ESO e 1º de Bacharelato compartirá impresións coa autora sobre a súa última novela: O que sei do silencio.
     Agardamos impacientes a súa visita!

11 mar. 2019

O VIXÍA NO CENTEO

      
     Algúns compoñentes do Club de Lectura nunca deixan de formar parte do mesmo aínda que non figuren na listaxe de membros "oficiais".  Falamos, por exemplo, de alumnos e alumnas que chegan a 2º de bacharelato e se ven absorbidos polo intenso  ritmo de traballo do curso. A pesar diso, tentan buscar un oco na súa atarefada axenda para evadirse do traballo experimentando  o pracer da lectura. Este feito alégranos e tamén nos enorgullece un pouquiño en  canto  que pensamos que fomos quen de axudar minimamente a prender a chama da curiosidade e do goce pola literatura.

      Laura Míguez (La Laurateca) comparte a súa interesante e profunda análise de O vixía no centeo  no marco da celebración do aniversario do nacemento. Podedes atopar máis información sobre a obra,  o seu autor, circunstancias que rodearon a publicación e  varias curiosidades na presentación elaborada polo alumnado e o equipo de Curtisbiblio neste enlace:  Homenaxe a J. D. Sallinger.