24 oct. 2019

LEMOS...


     
     Damos conta das novas lecturas escollidas para botar a andar o Club de Lectura Fendetestas un ano máis.
     Un dos grupos dos membros máis novos do Club de Lectura comezou mergullándose no mundo da banda deseñada a través de  Obelix e compañía de R Goscinny e A. Uderzo. Outro dos grupos de 1º preferiu adiantar o Samaín da man de Concha López Narvaez con La sombra del gato.
      A temática do misterio tamén foi a seleccionada como primeira lectura por un dos grupos de 2º ESO: Relatos escalofriantes de  Roald Dahl. O outro grupo decantouse por dar continuidade a un autor que colleitou grandes éxitos cursos anteriores coa famosa obra O neno do pixama a raias. Falamos de John Boyne  e do seu último achegamento á época dos nazis e do holocausto xudeu:  El niño en la cima de la montaña.
     A cruel temática da 2ª guerra mundial tamén centrará as lecturas dos dous grupos de 3º ESO que optaron unanimente por Enderezo descoñecido de Kressman Taylor.
     Os Fendetestas de 4º ESO combinarán a lectura  da novela de María Solar Os nenos da varíola co clásico de Agatha Christie Asasinato no Orient Express.   Na sección de Inglés as obras seleccionadas foron  The curious case of Benjamin Button de F. Scott Fitzgerald para 4º ESO e  Brave new world de Aldoux Huxley para 1º de bacharelato.
     Os máis veteranos do club  están lendo Mundo Extraño de José Ovejero, autor que visitará o noso centro no mes de novembro para manter un encontro literario centrado na obra nomeada. 
     Un total de dez títulos repartidos entre 55 ávidos lectores e lectoras (aproveitamos para dar a benvida ás incorporacións de última hora) que compartirán con sete profesoras o pracer da lectura  e da adquisición de coñecementos.

 

 



10 oct. 2019

ANDAINA LECTORA

    
      Un ano máis o noso club inicia a súa andaina lectora. Este curso son 47 as  rapazas e  os rapaces, repartidos nun total de nove grupos, que compartirán con sete profesoras a experiencia da lectura. 

     
     Incorporamos unha nova sección do club de lectura en lingua inglesa coordinada polas profesoras María Luísa López Velo e Elena Mª Lagoa Freire. Cumprimos así un dos obxectivos esenciais do club: a valoración da multiculturalidade  e da diversidade como  fonte de enriquecemento que nos permite coñecer outras culturas e medrar como persoas. Na mesma liña celebramos a incorporación ao grupo Rosa López González de Xeografía e Historia que, de seguro, aproveitará os seus coñecementos para axudarnos a contextualizar  as obras e, por conseguinte, a comprendelas mellor.

     Boas e proveitosas lecturas a todos e a todas!

8 oct. 2019

REUNIÓN INICIAL