Na procura de novas propostas para o noso club prestamos unha especial atención ás novidades literarias que o mercado editorial nos
ofrece. Nesta liña está a ópera prima de Lito Vila Baleato que leva por título Campus
morte. Unha trama de crime e intriga que está seleccionada como
finalista na XV edición do Premio Martín Sarmiento.
Laura Míguez
(La
Laurateca) achéganos unha interesante recensión crítica sobre a obra:
Por
desgraza, levo uns meses inmersa nun parón lector que me está custando superar.
O idóneo para estes casos é escoller un bo libro, algo que enganche e que teña
unha trama rápida e fluída. Se a todo iso lle engades que o libro non teña
demasiadas páxinas para non desanimarte e deixalo a medias, terás a receita
perfecta para saír adiante. Eu atopei ese libro. Publicado este ano, Campus
morte, é a primeira novela do seu autor, Lito Vila Baleato, que comeza moi
forte no mundo da escrita.
O
título chama bastante a atención e é o resumo perfecto da trama da obra. No
Campus Sur da Universidade de Santiago houbo un asasinato, ou quizais máis dun…
Iago Miranda, profesor de universidade, recibe unhas mensaxes desesperadas e
chamadas perdidas do seu amigo Martín mentres está dando clase, e cando intenta
poñerse en contacto con el, non o consegue. O único que sabe é que deixou un
sobre para el nun lugar coñecido por ambos, e que debe ir recollelo se lle pasa
algo. Pouco despois aparece o seu cadáver, mallado e con só nove dedos nas mans.
Por se fora pouco inquietante, Martín andaba a investigar o caso de Kathrin,
unha estudante de Erasmus que morrera fai 15 anos nese lugar. Iago, en compañía
de amigos e familiares, intenta descubrir quen matou ao seu amigo e por que,
poñendo en risco a súa propia vida.
Campus
morte é unha novela de suspense que, malia a sinxeleza da súa trama, engancha
dende o comezo, xa que a forma de narrar do autor é sublime e fai que medre
unha sensación de estrés por descubrir o nome do asasino. Para min, isto e o
rápido que avanza a acción son os puntos positivos da novela. Porén, creo que
Lito Vila podía aproveitar aínda máis a historia que creou, enredando máis os
acontecementos e engadindo máis matices á psicoloxía de cada personaxe,
construíndo un interior máis profundo para algúns como Martín ou Iago.
Atopeinos a todos un pouco incompletos e simples, debido quizais á escasa
lonxitude do libro. En menos de 200 páxinas é complicado caracterizar por
completo a cada persoa que intervén na historia, pero non é imposible. Se
comparo a dificultade da trama e a caracterización das personaxes coa doutros
libros de temática semellante, Campus morte non quedaría en moi bo lugar. O
primeiro que se me ven á cabeza é Memoria da choiva, de Pedro Feijoo, unha
novela tamén recente que probablemente sexa das mellores lecturas que puideron
caer ata agora nas miñas mans. Nela, o autor soubo aproveitar por completo a
trama da obra, e complicala ata un punto sorprendente, que me fai pensar no
marabilloso que pode ser o cerebro humano á hora de fabricar historias. En
cambio, á novela protagonista desta recensión fun capaz de adiviñarlle o final
cando ía, máis ou menos, pola metade da novela. Debo engadir que sempre fallo
ao intentar adiviñar o desenlace dunha obra, polo que vos podedes facer unha
idea do mal que o fixo o autor. Por outra parte, non sei se Lito Vila ten
pensado facer unha segunda parte, porque algúns fíos da historia quedaron sen
pechar…
Non
obstante, aínda que fora tan sincera co parágrafo anterior, tamén o vou ser
neste ao dicir que o libro, ao fin e ao cabo, gustoume. Considero que é a
lectura idónea para pasar un bo anaco e, ao cabo de dúas semanas, ter esquecida
a trama do libro por completo. Recoméndollo a todas aquelas persoas que gocen
cos libros de intriga e misterio, pero que non esperen atoparse con algo ao
estilo de Sir Arthur Conan Doyle, porque hai nivel, pero non tanto. Elemental,
queridos lectores.
Laura Míguez (2º Bach B)
No hay comentarios:
Publicar un comentario