Elena Naveira e Fátima Ramos de 2º ESO B son as autoras deste booktráiler sobre un libro de Carlos Ruíz Zafón: O príncipe da brétema. Quen se atreve a lelo?
24 may 2017
18 may 2017
XULIA ALONSO CONTESTA AS NOSAS PREGUNTAS
María Vaamonde, Rocío Sànchez, Elena Penas, Marta Varela, María Casal e Patricia Vázquez, do club de lectura de 1º bacharelato, lemos Futuro imperfecto. A obra suscitou en nós preguntas que quixemos comentar coa autora e que agora compartimos con vós.
Grazas, Xulia, pola amabilidade e pola magnífica lección de vida que nos dás.
Cando escribiches Futuro imperfecto, que pesou máis en ti: a dozura do recordo da relación sentimental ou a dor da perda?
É imposible separar unha cousa da outra. Precisamente pola intensidade da nosa relación sentimental, o sentimento de perda foi máis doloroso. En todo o proceso de escritura a tenrura e a dor estiveron sempre presentes.
Recordar e poñer por escrito a túa vida axudouche dalgún xeito?
Lembrar e ordenar as lembranzas resultou un exercicio duro pero moi reparador para min. É diferente recordar un momento puntual do pasado que revisar un período completo da vida. Por unha parte, é preciso concentrarse para rescatar da memoria momentos que hai tempo que non se revisan e, por outra parte, hai que ordenalos para poder tecer un relato coherente. O feito de escribir foi decisivo neste proceso porque esixiu dedicar tempo e reflexión á revisión das lembranzas desde unha posición de observadora das mesmas. Isto permitiume algo parecido, por explicalo graficamente, a ir montando un quebracabezas e o resultado final foi mesmo terapéutico para min. Unha especie de reconciliación comigo mesma.
Pódese dicir que o que te salvou a ti foi o amor?
O amor crea unha enerxía moi potente e dinamizadora. Dá moita forza e, no meu caso, ademais de todo isto, deulle sentido a situacións que, doutro xeito, se terían convertido nunha lousa demasiado pesada. Nese sentido, si creo que o amor me salvou, non tanto fisicamente (espazo no que creo que a medicina e a xenética xogan un papel fundamental) como emocionalmente. Fronte ao forte rexeitamento que provocan situacións tan indesexables como a adicción, a enfermidade ou a morte, arredor noso houbo unha reacción marcada fundamentalmente polo amor, tanto por parte da familia como das nosas amizades. Por outro lado, estaba o noso propio e recíproco amor e, por riba de todo, o inmenso amor que sentiamos pola nosa filla. A forza e a positividade que rodea un sentimento tan fermoso e potente como o amor foi a que me permitiu emerxer de entre tanta sombra e tanta pena. Sen dúbida, o amor dá sentido á nosa vida e é a forza que ten a capacidade de facer de contrapeso nos momentos máis duros e complexos que nos toque vivir. É a forza que alimenta a ilusión e, polo tanto, a base sobre a que se sostén a esperanza. Amor, ilusión e esperanza, o substrato da miña supervivencia...
Segues aquí, considéraste unha supervivente?
En certa forma, sono, si. Se a adicción á heroína deixou un rastro de morte de seu, a virulencia da irrupción da sida foi brutal e o número de mortes contáronse por milleiros. Aínda hoxe non entendo como é posible que siga viva, pero a realidade é que sigo aquí e iso, supoño, me converte nunha supervivente da parte máis sombría dun tempo efervescente e luminoso, como foi a década dos 80.
Cres que unha relación máis estreita cos pais de Nico ou cos teus tería axudado a que a dependencia das drogas non chegase tan adiante?
Non sería xusto sinalar os conflitos familiares como os responsables principais dos actos ou as decisións que nós tomamos pola nosa conta e risco. Hai que considerar tamén os momentos históricos que vivimos e que nos condicionaron a uns e outros. Primeiro o franquismo e a represión e, coincidindo coa nosa mocidade, a transición á democracia. Todo influíu, seguramente en cada caso de forma diferente. Pero a realidade foi que a heroína entrou a cachón nun momento en que moitos de nós estabamos empeñados en romper coa uniformidade do pasado (representada dalgún xeito polas nosas familias) e todo o novo resultaba apaixonante. Xa chegados a este punto, seguramente a propia inercia vertixinosa daqueles tempos e a atracción polo descoñecido tería resultado igualmente sedutora para nós aínda tendo unha relación menos conflitiva coas nosas familias. Iso nunca poderemos afirmalo nin negalo con rotundidade. Nunca o saberemos.
Que farías se puideses volver atrás, se volveses agora á mocidade e acabases de coñecer a Nico?
Cuestionarse algo así é unha trampa. Non se pode volver atrás, e visualizar as posibilidades que puideron ser e non foron non serve máis que para engadir sentimentos como a rabia ao sentimento de dor ou de impotencia provocados por todo o acontecido. Non dediquei nunca nin un minuto do meu tempo en pensar que tería pasado se tomaramos outras decisións, porque as que tomamos foron unhas moi concretas e as súas consecuencias demasiado duras como para gastar a miña enerxía noutra cousa que non fora buscar a forma de reparar o reparable e encaixar o irreparable. Unha formulación como a que suxire a pregunta resultaría demasiado dolorosa por imposible sen achegar nada positivo a cambio. Para min, con todo o respecto, non ten sentido.
Que se sente ao conseguir algo tan difícil como é superar unha adicción?
É unha sensación moi potente que ten moito que ver con volver a nacer pero sendo consciente dese renacemento. A sensación de recuperar a propia vontade, a capacidade de decidir, a liberdade, ao fin e ao cabo, é marabillosa. Primeiro, o corpo , que sempre vai máis rápido, recupera vitalidade, forza e cor; máis tarde, máis lentamente, os medos, os bloqueos, as inseguridades, vanse desaloxando e a vontade vai recuperando a forza que a adicción lle arrebatou. É fabuloso!
Cres que os diferentes compoñentes da sociedade (familias, escolas, gobernos...) fan todo o que está na súa man para que o problema das drogas vaia a menos?
Nos anos 90, como consecuencia dos graves problemas sociais e de saúde pública que xerou o consumo e a adicción ás drogas por parte dunha ampla parte da mocidade no noso país, fixéronse grandes campañas de información e concienciación social ante este problema. Quero lembrar campañas como a coñecida como “Si da, no da” ou “Póntelo, pónselo”, que tiveron moita difusión nos medios de comunicación e propiciaron un gran debate tanto nas escolas como dentro do seo das familias. Lamentablemente, ao descender a alarma social, as campañas tamén diminuíron e baixouse a garda a nivel xeral. É función e responsabilidade dos gobernos manter políticas activas de prevención ante problemas que, desde esa posición, teñen perfectamente identificados, cousa que desde hai anos non se fai. Para que se traballe desde a escola ou desde a familia hai que contar con información veraz e concienciación de que existe un problema sobre o que actuar preventivamente. Ante esta carencia clara, o traballo desde as escolas depende fundamentalmente da voluntariedade do profesorado, que é moita pero precisa dun apoio institucional co que non se conta, creo eu. O mesmo pasa no eido familiar onde, ademais, inflúen condicionantes subxectivos que teñen que ver coas relacións entre pais e fillos que, en certos momentos, dificultan a comunicación.
O debate público sobre as adiccións, en particular ás drogas, debería manterse activo de forma continuada porque a sociedade está en continua renovación e, non o esquezamos, detrás do consumo de drogas hai un negocio moi rendible que busca permanentemente novos clientes. Do que se trata é de non ser un deles.
Que mensaxe ou que consellos nos darías hoxe desde a túa experiencia?
Non me atrevería a dar consellos, fóra do que cada un ou unha de vós teñades extraído da lectura de Futuro imperfecto. Só podo contar o que vivín, tal como o vivín, e que cadaquén tome nota do que lle pareza oportuno. O que si teño claro é que só temos unha vida e, pase o que pase, o tempo é oportunidade. Non se pode vivir baixo o medo permanente polo que vos animo a vivir a vosa vida desde a enerxía e a reflexión. Por un lado, a enerxía invita ao movemento e, por outro lado, a reflexión esixe contención. Dous ritmos aparentemente opostos que ben combinados axudaranvos a decidir en cada momento e, en definitiva, a gozar da apaixonante experiencia de estar vivo.
Moitas grazas, boa sorte e mellor saúde a todas e todos!
11 may 2017
DE VISITA NA BIBLIOTECA PÚBLICA M. GONZÁLEZ GARCÉS

Alí poidemos ver as diferenzas entre unha biblioteca escolar -a que temos no noso instituto- e unha biblioteca pública: é un espazo tan grande! Non só poidemos ver todas as salas e zonas nas que están organizados os fondos (moitos máis cós que temos nós, loxicamente), senón que por primeira vez visitamos os depósitos e soubemos da existencia dos "compactos", para aforrar espazo e para conservar os materiais gardados.
Por outra banda, explicáronnos como facernos socios da biblioteca e acceder así á plataforma de préstamo de libros electrónicos: o certo é que resulta algo moi útil e cómodo para os que conten con ese dispositivo.
Como somos unha Biblioteca Amiga, participamos a través desta visita nun concurso relacionado con Camilo José Cela e José Luis Sampedro, promovido pola Deputación de Guadalajara e destinado á busca de información e á localización de títulos destes autores nos andeis: se nos toca, algún de nós poderá ir pasar uns días a esa provincia... A ver se hai sorte!
2 may 2017
CARLOS RONCERO
O trimestre pasado, o noso grupo do club de lectura integrado por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO escolleu Clara dice, unha novela xuvenil de
Carlos Roncero, como libro para comentar e traballar entre todos.
Se sodes seguidores deste blog, saberedes que foi unha
lectura moi satisfactoria para nós, e que
gozamos moito coas peripecias que tiveron que pasar o sarxento Trápaga e
a nai de Clara para dar co asasino da súa filla e resolver o caso dos
misteriosos suicidios. Todos coincidimos
en que a forma de escribir do autor era sublime, detallando cada diálogo e
contestación e complicando a trama para manternos enganchad@ á historia.
Ben, pois se xa estabamos agradecidos a Carlos por
agasallarnos coa súa magnífica obra, agora, grazas a el, sentímonos
tremendamente alagados. O pasado mércores 26 de abril descubrimos que se puxera
en contacto connosco para agradecernos a entrada e a videorecensión que
prepararamos sobre o seu libro. Ademais, comentounos que se lembraba de nós por
unha entrevista que lle fixeron uns membros do club Fendetestas hai uns anos. Recibimos as súas palabras
cunha sorpresa e admiración incribles, pois non nos esperabamos a súa resposta
e moito menos o seu recoñecemento ao noso traballo.
Carlos, grazas a ti por axudar a encher este mundo de
palabras coas túas historias e por ser tan atento cos teus lectores. Esperamos
poder seguir lendo máis libros teus!
E a ti, pequeno e curioso lector, de momento
podemos suxerirche de novo a lectura de Clara dice, de Carlos Roncero. Altamente recomendable!
Laura Míguez
A VIAXE DE GAGARIN
A
viaxe de Gagarin cóntanos as vivencias de Miguel
e a súa familia nos duros anos da ditadura franquista. O protagonista lembra a
súa infancia e xuventude na Coruña dos anos sesenta, mentres acompaña a súa nai convalecente no hospital nos
derradeiros momentos da súa vida. Recorda
a libraría que rexentaban os seus pais
(de ideoloxía republicana) e como, pouco a pouco, foi descubrindo que alí tiñan tamén un taller
clandestino onde imprimían folletos propagandísticos contra o réxime. O libro é a historia de Miguel e da súa familia, pero é tamén unha
reflexión sobre o paso da nenez á
adolescencia e a iniciación á dura e
difícil aprendizaxe da vida.

Tamén se falou da importancia da lectura e de como
o autor rende unha homenaxe aos libreiros e libreiras e, por
extensión, aos libros e ao pracer de ler. Son moitas as páxinas dedicadas
en A
viaxe de Gagarin a este tema tal e como se
pode comprobar na exposición-homenaxe
a Agustín Fernández Paz que enche estes días os corredores do noso centro. Compartiremos ese material a través do blog
proximamente co obxectivo de que, seguindo os consellos do inesquecible autor, vos atrevades
a mergullarvos na maxia dos libros. Hai
demasiada beleza neles para ignoralos!
Rematamos esta entrada cunha nova entrega dos fantásticos vídeos elaborados por Laura.
Jin, Lucía, Xana, Cristian, Laura e Marcelo
Etiquetas:
A viaxe de Gagarin,
Agustín Fernández Paz
Suscribirse a:
Entradas (Atom)