30 nov 2017

O PRINCIPIÑO




      

      Os fendetestas de francés quixeron compartir nesta última xuntanza do Club de Lectura, algunhas das súas impresións sobre este relato:
- “É un libro que custa entender ao principio, pero ó final acaba por engancharte e faite reflexionar sobre conceptos como o amor e a responsabilidade, sentimentos que o Principiño amosa cara a súa flor”.
- “É un libro surrealista, filosófico e bastante complicado de ler”.
- “A mín particularmente, gustoume moito, encantoume a historia da visita do Principiño ao bebedor porque me parece moi significativo que un neno reaccione desta maneira ao ver unha persoa ebria. Ademais, paréceme bonita e intrigante a vida do autor (Antoine de Saint- Éxupéry) posto que, de algún xeito, o seu pasamento está en relación co que acontece no libro.”

    Rematamos estas pinceladas achegadas polos alumnos de 4º ESO B, cunhas citas literarias moi fermosas que relatan o segredo do raposo (figura importante no libro):
- “On  ne voit bien qu’avec le coeur. L’essentiel est invisible pour les yeux».
(Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos)


- «C’est le temps que tu as perdu pour ta rose qui fait ta rose si importante».
(É o tempo que perdiches con ela o que fai a túa rosa tan importante)
- «Tu deviens responsable pour toujours de ce que tu as apprivoisé».
(Es responsable para sempre daquilo que domesticaches)



18 nov 2017

CONTAMOS CONTOS DE MEDO



 As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz e As mans do medo de Xosé Miranda foron o punto de partida da andaina do noso club para os rapaces e rapazas de 2º ESO. Na primeira xuntanza realizamos unha sesión de contacontos baseada nestas lecturas. Tentamos así recuperar a vella tradición da literatura popular de transmisión oral, a dos contos narrados á calor da lareira. 

Para desenvolver esta actividade, cada un escolleu o relato que máis lle gustou e, a continuación, desenvolveu as súas dotes de contador ou contadora tendo aos compañeiros e compañeiras como auditorio.  Ángela Doval relatounos unha historia dunha misteriosa casa onde había un pozo asociado cunha estraña desaparición.  Nerea Pérez levounos a Transilvania cun inquietante conto de vampiros.  Paula Sánchez relatounos unha historia cun final sorprendente titulada “Os fillos de Hamlet”.  Brais Castro e Dalvin Peña contáronnos a experiencia dun home que  unha noite notou como  alguén lle arrincaba  as entrañas do peito. 

Na sesión de contacontos falamos  tamén da relación da literatura de terror co cinema. Lembramos   versións cinematográficas de clásicos da literatura universal e comentamos estreas recentes como It (baseada nun libro do escritor Stephen King).





Nunha segunda reunión acordamos analizar o relato que dá título ao libro de Xosé Miranda: As mans do medo. Todos estivemos de acordo en valoralo  positivamente  e en cualificalo como  un pouco desagradable, desacougante e ata noxento. Fixámonos nunha técnica presente no conto que se relaciona coa literatura de transmisión oral: as continuas chamadas ao lector para captar a  atención e favorecer a súa implicación emocional na historia. Falamos dunha referencia literaria presente ao longo de toda a narración: Frankestein. A mención a esta obra clásica da literatura universal está  relacionada co argumento do conto: un home atopa unhas mans humanas que parecen estar vivas  e que dominan a mente do protagonista ata que conseguen ser implantadas no seu corpo. Tamén nos chamou a atención o final, que deixa aberta unha continuación do relato  moi inquietante. Comentamos  esta técnica moi utilizada na literatura de misterio, e reflexionamos sobre o feito de que resulta máis desacougante non contar exactamente como remata a historia deixando que os lectores imaxinen o seu propio desenlace.

1 nov 2017

ESTAMOS A LER...



           Iniciamos curso introducíndonos de cheo no Samaín e  deixándonos levar pola maxia do misterio. Comezamos coa lectura dun clásico da literatura universal: Frankestein de Mary Shelley   (1º da ESO) e cunha selección de As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz  e dos inquietantes contos que Xosé Miranda nos ofrece en As mans do medo (2º da ESO). Os membros máis novos do noso club completan lectura inicial co relato  “Las babuchas fatídicas” extraído de Las  mil y una noches.

Os rapaces e rapazas de 3º da ESO mergulláronse na lectura de dúas obras que colleitaron grandes éxitos no noso club: Clara dice de Carlos Roncero e El niño en la cima de la montaña de John Boyne. Os perigos das amizades a través de  Internet e a vulnerabilidade dos adolescentes ofrecerán, sen dúbida, moitos temas de conversa nas sesión de análise da obra de Roncero.  O libro de Boyne (autor de O neno do pixama a raias) transportaraos á época da 2ª Guerra Mundial,  deixando unha desacougante visión sobre os perigos das ideoloxías.



            

           Un dos grupos de 3º da ESO de Cultura Clásica están a ler  Ana y la Sibila de Antonio Sánchez Escalonilla. Este libro  narra a historia dunha rapaza chamada Ana que, mentres contempla fascinada os frescos da Capela Sixtina, recibe una chamada de auxilio da Sibila de Cumas. A partir de aquí, a protagonista, co seu compañeiro Mario e coa axuda do gardián do edificio viaxarán ao pasado para intentar liberar a Sibila do seu horrible destino: vivir mil anos. Outra das lecturas  propostas para este  grupo é  Metamorfosis de Ovidio, un libro que relata historias míticas nas que os protagonistas se transforman en árbores, animais, rocas... Nelas, o autor intenta, en xeral, mostrar as debilidades do ser humano.

           Os Fendetestas de Francés  entrarán de cheo na maxia dun clásico da literatura universal: Le Petit Prince de Antoine de Saint-Exupéry. O amor, a amizade e o sentido da vida son algunhas das reflexións que contén esta fermosa historia que engaiolou e engaiola a lectores de todo o mundo.

Para rematar esta toma de contacto, os rapaces e rapazas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato comezaron a lectura dunha fermosa historia que os vai facer meditar sobre a cruel realidade dos exiliados: A neta do señor Linh de Philippe Claudel.