O pasado día 23 de outubro visitamos a sala
Númax en Santiago de Compostela para asistir
co alumnado de 3º, 4º ESO e 1º de bacharelato á proxección da
galardoada longametraxe de Oliver Laxe: O
que arde.
A maioría coincidiu en sinalar
que, se ben ao comezo resultou un chisco lenta, non lles pareceu en ningún momento aburrida.
Tamén se destacou o feito de que aínda que os diálogos eran breves e
concentrados estaban
marabillosamente ben seleccionados. Moitas veces os personaxes transmitían moito
máis simplemente coas súas miradas e expresións. O actor e a actriz protagonistas amosaron
unha capacidade interpretativa que lles permitiu aos espectadores identificarse
cos personaxes de Amador e Benedicta con moita facilidade. Non foron poucos os que declararon sentirse
totalmente cativados pola actitude de amor incondicional da nai que acolle ao
seu fillo sen pedirlle ningún tipo de explicación.
A beleza das imaxes foi outro dos aspectos que
suscitou máis acordo. Temas como a
conservación da natureza ou a minusvaloración do rural combináronse con reflexións sobre os
prexuízos ou a intolerancia. Pero, sen dúbida, o que máis controversia e debate suscitou foi a culpabilidade ou
inocencia de Amador e o pouco
clarificador final (coa desaparición de Luna incluída).
Cómpre dicir que non foron poucos os que amosaron a súa
sorpresa polo impacto producido por unha película sobre a que non tiñan
demasiadas expectativas pero que conseguiu conmovelos dun xeito especial.
Compartimos algunhas desas impresións:
A escena inicial da obra conta cun
interesante uso dos planos:
contrapicados cando se enfocan os” bulldozer”, resaltando o seu poder
ante as árbores, que caen como fichas de dominó
e que, á súa vez, están nun plano picado, que realza a súa indefensión.
De repente a música vólvese máis solemne: aparece un tronco vello que parece plantar
cara ás máquinas. Tamén a iluminación
escollida pode ter unha razón: o parabrisas reflicte a luz escondendo a face do
condutor, desta maneira deshumaniza os vehículos e dálles un carácter máis monstruoso.
Fátima Ramos 1º Bach A
O que máis me asombrou, sen dúbida foron os
diálogos, xa que apenas hai, pero con tan poucas palabras transmítense moitos
sentimentos. Un bo exemplo é unha das primeiras escenas cando Amador se
reencontra coa súa nai, este saúdaa e o único que ela lle pregunta a modo de
resposta é: “tes fame?”
Elena Naveira 1º Bach A
A longametraxe O que arde expresa moi ben como é a
xente do rural en Galicia e como é a súa vida.
Gustoume que se tratase a problemática dos incendios forestais xa
que é un tema que nos afecta e do que se debería falar máis.
Pedro Seoane 4º ESO B
É un filme no que o
diálogo se deixa nun segundo plano, mentres que as imaxes e sons destacan
conseguindo que o espectador logre empatizar
cos personaxes e a historia.O que menos me gustou foi o final tan aberto
que me resultou frustrante non saber como remata a historia. Pero tamén teño
que recoñecer que este final foi un logro do director xa que conseguiu facerme
pensar.
Laura Astray 4º ESO A
É unha película que nos fai pensar e nos obriga a recapacitar
sobre temas como a vida no campo, os incendios, os prexuízos, a reinserción na
sociedade...
María
Conde 3º ESO A
O director non tenta
convencernos de nada, nin buscar culpables ou falar de bos e malos. El quere
que empaticemos co protagonista e que entendamos que todos precisamos ser perdoados xa que somos
humanos, cos nosos defectos e coas nosas virtudes.
Nuno Couso 3º ESO A
O máis intrigante de toda a
película é sen dúbida o final: a existencia de dúas posibilidades e ningunha
resposta que nos explique o sucedido contribúen a chamar a atención do espectador
e a promover a reflexión sobre moitos temas. Totalmente recomendable.
Yaiza
Grandío 1º Bach A
Gustoume moito que o actor e
a actriz principais non fosen profesionais. Encantoume Benedicta, unha señora de 85 anos tan chea de vitalidade e enerxía que se movía
como unha moza.
Ariadna Fernández 3º ESO A
Queremos rematar esta crónica-recensión da
actividade dando as grazas a Oliver Laxe
e a todo o equipo que participou na rodaxe desta longametraxe por ofrecernos
unha interesante reflexión sobre a temática dos incendios pero tamén unha
lección de vida, respecto e tolerancia.