23 abr 2020

DÍA DO LIBRO... NA DISTANCIA



     Hoxe é 23 de abril, é o Día do Libro, pero moi diferente ao doutros anos... Hoxe estamos na casa, o instituto queda na distancia porque unha pandemia tennos pechados, esperemos que por non moito máis tempo, entre as catro paredes dos nosos fogares. Porén, non vai ser isto un obstáculo para que festexemos esta data, tan importante para a nosa biblioteca e para nós. 
 
   Neste último mes gozamos da compañía dos nosos, pero en moitos fogares a presenza da cultura audiovisual e escrita, está a ser unha peza importante para "aguantar o tipo": aínda estando confinados os libros axúdannos a saír ó exterior, a viaxar, a dialogar cos de fóra da casa, a rir, a chorar, a reflexionar, a debatir, a querernos máis, a ver máis claros os nosos erros e os nosos acertos, a recordar o pasado, a compoñer o futuro... E a enfrontar con optimismo e serenidade o que temos diante...


Marabillosos compañeiros neste traxecto da vida que nos toca recorrer! 


   E para conseguir que o sorriso agrome nos nosos beizos, despois desta reflexión, deixámosvos o enlace a un vídeo no que o inxenioso humorista José Mota fixo hai anos: trátase dunha especie de distopía, asentada sobre a idea dun botellón, no que o gusto pola bebida fose substituído pola obsesión dos mozos por ler! Esperamos que vos guste!





16 abr 2020

LUIS SEPÚLVEDA


     Temos que lamentar o  recente pasamento do escritor chileno Luis Sepúlveda. O autor, afincado en Asturias dende fai anos, faleceu vítima do coronavirus.  

     A súa interesantísima biografía está condicionada polo seu carácter viaxeiro e itinerante unido ao seu forte compromiso político contra os réximes ditatoriais, feito que provocou que estivese na cadea durante máis de dous anos. Profesionalmente, ademais de escritor, foi xornalista e cineasta. 


     Na  súa traxectoria literaria destacou especialmente  a obra Un viejo que leía novelas de amor, publicada en 1989. Foi traducida a numerosos idiomas e converteuse nun éxito mundial. Inspirada nunha experiencia biográfica, a novela é un canto de amor ao poder da literatura e da lectura. A súa mensaxe chegou a lectores de medio mundo que aprenderon do protagonista da historia, Antonio José Bolivar Proaño, a valorar e respectar a natureza e as leis da supervivencia, ao mesmo tempo que a desconfiar e a renegar das actitudes prepotentes. 


      Sen dúbida será lembrado grazas á inesquecible e edificante historia que nos deixou como legado de vida e experiencia e pola que non parecen pasar os anos, como adoita acontecer coas obras mestras.  

10 abr 2020

DISTOPÍAS

 A estraña realidade que estamos a vivir provocada pola pandemia do coronavirus semella propia dunha película de ciencia-ficción.  Parece como se, de súpeto, estiveramos inmersos nun mal soño que supera todas as nosas fantasías máis inquietantes.  Esta reflexión colectiva sobre a irrealidade que se converteu na nosa realidade cotiá relaciónase co concepto de distopía.
Para entendermos o significado de distopía ou realidade distópica cómpre aclarar previamente o sentido da palabra utopía.  Esta refírese a un mundo ideal,  unha situación ou sociedade perfecta pero que é considerada como un proxecto irrealizable ou imposible de levar a cabo.  É a representación imaxinativa dunha sociedade futura exenta de todo tipo de adversidade ou contrariedade. Ao concepto de utopía oponse o de distopía que se concreta basicamente como unha sociedade onde impera o sufrimento, unha realidade indesexable. Ambas poden relacionarse coa análise de determinadas estruturas sociais nun determinado contexto pero dende perspectivas moi diferentes.  A utopía é a realidade soñada e a distopía a temida.
De onde veñen estes conceptos?
A palabra utopía, que provén do grego e significa literalmente “non hai lugar” foi acuñada por  Tomás Moro, un pensador e teólogo renacentista que describe na súa  obra homónima (Utopía, 1516) unha sociedade idílica e pacífica, unha proxección do Estado ideal. O concepto de utopía aparece normalmente asociado a unha realidade inalcanzable ou imposible de realizar.
O termo distopía tamén denominado antiutopía é bastante máis recente.  O seu significado relaciónase co de “mal lugar”. O primeiro uso coñecido da palabra produciuse nun discurso no Parlamento Británico en 1868.  A primeira ficción distópica apareceu en 1921 cando o autor ruso Yeygeni Zamiatin publica a súa obra Nosotros. Nela presenta unha sociedade privada de liberdades  onde a ciencia e a tecnoloxía están ao servizo do poder que escraviza a humanidade.
As distopías concíbense como avisos límite das actuais convencións sociais e das posibles dexeneracións futuras. Frecuentemente son advertencias sobre o perigos potenciais que poden chegar a presentar certas ideoloxías, condutas ou prácticas como o consumismo, a dependencia tecnolóxica, o avance da robotización... Desde o punto de vista literario son moi comúns dentro do subxénero da ciencia ficcíón.
A continuación unha selección de distopías dende as pioneiras (consideradas xa verdadeiros clásicos da literatura e do cinema) ata as máis recentes. 


1 abr 2020

GALICIA LE

    Quedamos na casa mais non cesamos a actividade e moito menos a referida ás lecturas que nos acompañan e nos distraen nestes tempos tan complexos. 
   A través da plataforma GaliciaLe podemos acceder a máis de 4.500 libros,  revistas, películas e documentais que nos axudan a facer máis levadeiros estes días de confinamento.