22 feb 2021

WONDER

     Os Fendetestas de 1º ESO B escolleron a súa primeira lectura : Wonder. La historia de Julian de J. R. Palacio.

     Esta escolla non os deixou indiferentes pois as distintas temáticas que se tratan servíronlles para poder reflexionar sobre os sentimentos dos demais e como repercuten as nosas accións nas vidas dos que nos rodean. Nas súas reflexións pódese percibir a fonda pegada que o libro deixou neles.

    O que máis me gustou do libro foi cando Jack Will lle pegou unha puñada a Julian. E o que menos me gustou, o que máis pena me deu, foi cando Jack Will estaba con Julian e cos outros amigos falando de August dicindo que se tivese, Julian, a cara de August preferiría morrer. Iso deume moita pena xa que me parece moi inxusto facer eses comentarios tan crueis. (Xabier Sánchez Castiñeira)    

                                                                             

     Este libro  pereceume moi interesante xa que ensina unha lección moi importante, tamén che ensina que por moi malo que foses ao comezo con alguén podes recapacitar e cambiar. Recoméndollo a toda a xente que non saiba se compralo xa que non lle atopo ningunha pega. (Nerea Sánchez Merelas)                                                                      

 

    Gustoume moito xa que aprendín moitas cousas, tamén me pareceu moi interesante, entretido e emotivo. Unha das cousas que máis me gustou é que trata dun neno da miña idade e o que non me gustou foi que o tratasen mal.(Juan A. Rodríguez Quintal)                 

                                 

    Gustoume moito o libro que lemos para o Club de Lectura neste primeiro trimestre. Titúlase A historia de Julian. É moi interesante a temática que trata e moi recomendable para os rapaces da nosa idade. (Iria Ramos Neira)                                                                                


    A min gustoume moito este libro porque nos fala da importancia de que todos somos iguais, a pesar do aspecto, e sentimos o mesmo. Neste caso, o libro trata de que nos metamos na pel dos demais, que nos poñamos no seu lugar, xa que a nós non nos gustaría que nos chamasen cousas malas nin nos tratasen mal, entón aos demais tampouco os debemos tratar así. (Lorena  García Rodríguez)   

                                                                       

    Este libro gustoume porque é un libro que trata de como unha persoa asume os seus erros e se dá conta de que xulgou mal a outra persoa. A Julian, o protagonista, caíalle mal August pero despois fixéronse amigos. Recoméndovos que leades este libro e que vos guste o mesmo ca a min. (Nicolás Martínez Vázquez)

                                                                         

    Pareceume un libro moi interesante e moi fácil de ler. Gústame porque fala do acoso a un rapaz da nosa idade e tamén me gustou moito a historia da súa avoa xa que a partir desta historia o protagonista pode reflexionar sobre os seus feitos.

    É unha obra moi interesante e non te aburres. (Alexandra Sousa)      

11 feb 2021

LENDO A JORDI SIERRA

Os fendetestas de 2º ESO non paramos de ler. Nesta ocasión as obras escollidas foron Querido hijo: estás despedido e Querido hijo: estamos en huelga de Jordi Sierra i Fabra. As opinións foron coincidentes, os dous gustáronnos moito e ademais fixéronnos pensar.

Querido hijo: estás despedido pareceunos bastante cómico e divertido pero á vez un pouco triste porque nos decatamos de que o  noso comportamento ás veces deixa moito que desexar...  De feito, pensamos que todas as rapazas e rapaces da nosa idade deberían lelo para poñerse un pouquiño do outro lado e ver como nos coidan e se preocupan por nós os nosos pais.

A lectura de Querido hijo: estamos en huelga fíxonos meditar sobre algo que parece moi evidente pero que non sempre temos claro: os nosos pais non son os nosos criados e tamén teñen dereito  a descansar de cando en vez. Unha das cuestións que crea máis problemas entre pais e fillo é a desorde. A nós cústanos bastante iso de recoller as cousas e resúltanos pesado que nos estean dicindo sempre o que temos que facer. Ás veces cústanos ver que ser pais é unha tarefa moi complexa e que esixe moito traballo e dedicación. 


 

Por outra parte, os libros tamén nos fixeron ver que os pais non son perfectos e tampouco teñen razón sempre.  Nós tamén a temos ás veces. O que está claro é que todos temos que poñer da nosa parte para levarnos ben e axudar o que poidamos.

Rematamos a lectura deste  libros, pero non cambiamos de autor porque o noso seguinte obxectivo é  La memoria de los seres perdidos. Compartiremos neste blog as nosas impresións.

 

7 feb 2021

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

     

    María Conde (4º ESO A) comparte dun xeito moi orixinal as impresións que lle deixou a lectura de Penúltimas tendencias de Carlos Negro. Parabéns pola mensaxe e a creatividade coa que está formulada!