29 abr 2021

SUBNORMAL

 

O pasado martes 20 de abril tivemos a honra de manter un encontro por videoconferencia con Iñaki Zubiarreta sobre o acoso escolar. A terrible situación que viviu sendo un neno deu pé para a creación dun libro de banda deseñada titulado Subnormal (Panini Cómics, 2020 ) onde se relata a súa historia con debuxos de Miguel Porto e guión de  Fernando Llor.



O alumado do primeiro ciclo da  ESO e os integrantes do Club de lectura do segundo ciclo asistimos a unha charla que nos impresionou e emocionou dunha maneira que non é doado de explicar. Iñaki falounos da súa experiencia persoal  de acoso e de como a súa  elevada estatura o marcou como diferente. O neno arrastraba unha situación familiar complicada que o converteu nun obxectivo  sumamente fácil. El non se atreveu a dicirlles nada aos seus pais e tampouco contou para nada co apoio do profesorado; pola contra, a súa titora contribuíu coa súa actitude no seu proceso de falta de autoestima e introspección. Non foi quen de contarlle a un adulto as tremendas humillacións ás que se viu sometido ata que o nivel de acoso se fixo intolerable. O estado de depresión e de desánimo no que caeu levouno a tentar quitarse a vida porque non vía outra solución posible.  Finalmente, decidiu non suicidarse e enfrontarse aos seus acosadores. A malleira que recibiu cando optou por defenderse levouno ao hospital. A partir de aí a situación cambiou: os seus pais tiveron coñecemento dos feitos e cesaron as agresións. Ademais as características físicas de Iñaki e os seus dotes para o baloncesto fixeron que destacara neste deporte, o que supuxo un estímulo e unha saída para el. Chegou a ser xogador profesional de baloncesto e a xogar na liga ACB. De todos os xeitos, as feridas non estaban pechadas e el compartiu con nós que a súa saúde emocional estivo resentida durante moitos anos.  Afectoulle  moito o caso dun rapaz de Euskadi que non foi quen de aturar o acoso e puxo fin á súa vida. Ese suceso desencadeou unha gran xenreira nel, intentando buscar culpables do caso de Jokin e do seu propio e incluso, canalizou a súa frustración  planeando vingarse da profesora que tanto dano lle fixera. Contounos que necesitou moitos anos para decatarse de que el levaba unha “mochila” moi pesada ás súas costas,  a cal tiña que asimilar e aprender a xestionar. Afortunadamente, conseguiu superar o trauma persoal e converterse, como el mesmo nos dixo, “na mellor versión de min mesmo”.

Ademais de contarnos a súa historia  persoal, deunos unhas claves fundamentais para entender o mundo do acoso escolar. Chamounos a atención sobre o feito de que os acosadores escollen as súas vítimas tendo en conta o seu carácter e as súas circunstancias. Tamén nos dixo que hai tres tipos de acosadores: os líderes, os que secundan as acción deses líderes e os  que colaboran de xeito pasivo; é dicir, os que coñecen a situación pero prefiren ignorala e mirar para outro lado. Destacounos a importancia de denunciar  ante un adulto (pai, nai, profesorado...) calquera caso que poida implicar unha actitude de acoso. E sobre todo fíxonos ser moi conscientes de que este tema do acoso non é un xogo de nenos, é algo moi serio e, que pode facer moito moito dano e marcar a unha persoa para toda a vida. Tamén nos asegurou que, por desgraza, a situación non era tan diferente á vivida por el na súa infancia. A pesar das campañas de concienciación seguen existindo numerosos casos de acoso moi difíciles de detectar e de eliminar. Para que isto non suceda é fundamental a nosa actitude  que nunca pode ser permisiva nin tolerante con estas accións.


20 abr 2021

17 abr 2021

PREPARANDO O ENCONTRO CON CARLOS NEGRO

     Mentres agardamos o encontro do próximo mércores con Carlos Negro (Semana Cultural), seguimos compartindo as creacións realizadas tomando como base a lectura dos seus poemas.
    Nesta ocasión, Ariadna  Fernández e Nuno Couso ofrécennos, respectivamente, as súas interpretación de  Masculino singular e Penúltimas tendencias.




12 abr 2021

EL SANDWICH DE MARIANA

El exbaloncestista Iñaki Zubizarreta relata en el cómic 'Subnormal' el  calvario que sufrió en el colegio | Cultura | EL PAÍS

   

 

    Boa parte dos membros do club estamos a ler a novela gráfica Subnormal, de Iñaki Zubizarreta: nela trátase con toda a crudeza o tema do acoso escolar, sufrido polo autor ata límites ben extremos.

    A curta El sandwich de Mariana, vén engadir un novo motivo de reflexión acerca do acosador e das súas motivacións. Aquí deixamos o enlace para que o vexades: seguro que a próxima xuntanza nos permitirá poñer sobre a mesa interesantes reflexións sobre esta terrible realidade que é o acoso, visibles no libro e na curtametraxe: 

https://www.youtube.com/watch?v=f-8s7ev3dRM

Por certo, que ninguén pense que o acoso escolar é un fenómeno recente... Hai moito tempo que está, máis ou menos silente, latexando nas aulas. Mirade: 

https://www.youtube.com/watch?v=WgiB06NNo5E    (El encargado, curta)

7 abr 2021

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

 Ánxela Roca (4º ESO A) ilustra poemas de Penúltimas tendencias (Carlos Negro) na seguinte presentación. 


LA MEMORIA DE LOS SERES PERDIDOS

 

A protagonista deste libro é unha rapaza chamada Estela de dezanove anos que vive cos seus pais e coa súa irmá pequena. A familia mudárase de Arxentina a Barcelona cando ela tiña só catro anos.

A súa vida cambia totalmente cando descobre que ela era unha “nena roubada” na ditadura arxentina e que os seus verdadeiros pais foran cruelmente asasinados polas súas ideas. A través dunha irmá da súa nai coñeceu a historia familiar e a loita das nais e avoas da Praza de Maio que se mobilizaron para reclamar noticias dos seus familiares desaparecidos. Tamén soubo que o seu pai era militar, un membro do exército que rematou con miles de vidas.

Estela vese obrigada a asimilar a terrible noticia da súa orixe e ademais ten que pensar se debe contarlle a verdade ou non á súa irmá que ten tan só dezaseis anos.

Precisamente este feito foi o que máis debate e comentarios provocou na sesión que mantivemos para falar do libro.  Todos estivemos de acordo en que a historia nos pareceu á vez terrible e conmovedora.  Tamén comentamos que foi doado de ler porque está narrado dun xeito moi intrigante e con varias sorpresas que non son moi agradables. A algúns resultáronnos moi fortes as escenas das torturas aínda que valoramos que foi moi interesante coñecer unha historia tan impresionante coma esta. Por uns momentos, puxémonos na pel da protagonista e decatámonos de que a decisión de dicirlle a verdade ou non á súa irmá debeu ser  moi difícil. Neste aspecto houbo división de ideas: para uns, Estela debería terlle dito a verdade á súa suposta irmá e axudarlle a buscar a súa familia; para outros, tomou a decisión correcta deixándoa vivir feliz e allea á terrible historia familiar. De todos  os xeitos, estivemos de acordo en que sería moi difícil decidir que facer e que, calquera que fose a  decisión sería moi dolorosa.   En xeral, gustounos o final aínda que algúns quedamos coa idea de que non se fixera xustiza ao non denunciar ao pai.

Rematamos dicindo que nos pareceu unha lectura moi  interesante para os que queiran coñecer as consecuencias que unha ditadura pode ter nas vidas das persoas.

 Xacobe, Noa, Teresa, Berta,  Sara e Iago (2º ESO B)