26 mar 2022

SOBRE PALABRAS ENVELENADAS...

 

Palabras envelenadas de Maite Carranza foi unha das lecturas escollidas por un dos grupos de 4º ESO para o segundo trimestre do curso. A historia da misteriosa desaparición dunha rapaza chamada Bárbara Molina é a base para  unha investigación na que as pezas vai encaixando coma nun quebracabezas. De feito, un dos comentarios que se  fixo na reunión mantida para falar da obra, foi que as lectoras do club ían cambiando de sospeitoso conforme avanzaba a lectura.  Todas estiveron de acordo en valorar o desenlace como  moi sorprendente. A temática da novela xira en torno aos abusos sexuais e psicolóxicos e as relacións familiares. Son moitos os sentimentos e emocións reflectidos a través dos personaxes: o medo, a hipocrisía, o sentimento de culpabilidade ante as agresións... Chamou a atención a existencia de relacións especialmente tóxicas e como os familiares máis achegados poden converterse en auténticos inimigos.Tamén se comentou a calidade literaria da obra, valorando especialmente a concentración da acción nun tempo moi limitado, xa que trancorre nun só día.

En definitiva, Palabras envelenadas é unha novela adictiva, amena, cun ritmo narrativo rápido e dinámico que empurra a non parar de ler ata o final. Totalmente recomendable!!!

 Paula Carrasco, Alia Castro, Noa Maques, Mireya Sánchez, Lucía López, Karla  Rivera e Salma  Mariño 

Para rematar, compartimos unha  magnífica recensión sobre a obra realizada por Alia  Castro:



23 mar 2022

FANTASMAS DE LUZ (Vídeo-recensión)

 

Natalia Vázquez Sánchez (2º Bach) recomenda a lectura de Fantasmas de Luz de Agustín Fernández Paz. 

 


 

18 mar 2022

SOBRE AS GUERRAS E AS SÚAS CONSECUENCIAS...

  Un dos libros xa clásicos no noso Club é A neta do señor Linh. Ano tras ano repetimos a súa lectura coa seguridade de que a realidade cruel da guerra e as súas terribles consecuencias servirán para decatarnos das dimensións humanas que teñen estes conflitos. Cando os lectores de 4º da ESO escolleron esta obra non comezara a guerra  en Ucraína que actualmente conmove ao mundo coas imaxes dos bombardeos e dos refuxiados. Por desgraza, a guerra non é un episodio da historia dun pasado máis ou menos remoto. A crueldade do conflito é unha realidade do noso presente  e asistimos como espectadores a historias de traxedias familiares que poderían pasarnos a calquera de nós. Resulta impresionante ver como persoas inocentes e totalmente alleas aos intereses políticos ven alterada a súa vida e teñen que abandonar as súas casas e, ás veces, a parte da súa familia.

Con este terrible contexto de fondo do cadro a lectura da obra de Philippe Claudel resultounos tremendamente conmovedora e máis actual ca nunca.  Todos estivemos de acordo en resaltar a orixinalidade da historia e o sorprendente desenlace. A coidada narración, atendendo ao mínimo detalle, fai que despois de chegar ao final nos decatemos de que todas as pezas encaixan. É, sen dúbida, un libro para volver a ler cunha nova visión e atendendo a eses pequenos detalles que nunha lectura inicial poden pasar desapercibidos.

Rematamos destacando que este libro é un canto á esperanza é á capacidade do ser humano para volver a inventarse a pesar das adversidades. A amizade e a solidariedade poden ser unha axuda para volver a atopar un sentido á existencia ante tanta destrución.

Nerea Varela, Laura Vázquez, Julián  Merelas, Laura Bermúdez e Enzo García (4º ESOI)