Nestas últimas xornadas do curso, entre exame e exame, tivemos a honra de recibir a visita de Eva Mejuto. A escritora compartiu con nós impresións e comentarios sobre dúas das súas obras que lemos este curso no club de lectura: Memoria do silencio e 22 segundos.
A autora contounos que, aínda que estudou xornalismo, nunca se dedicou a esta profesión. As súas inquietudes estiveron máis centradas no mundo dos libros, primeiro no seu traballo en diferentes editoriais e posteriormente como escritora.
Na primeira sesión do encontro falounos
de Memoria do silencio e de como integrou as personaxes das irmás Touza
coa dunha directora de orquestra holandesa de ascendencia xudía. Con este libro
pretendeu dar a coñecer a incrible historia dunhas mulleres en Galicia durante a 2ª Guerra Mundial que arriscaron as súas vidas para a axudar a uns
descoñecidos a fuxir do horror nazi.
Outro obxectivo foi visibilizar o seu traballo e valentía e como se arrepuxeron
á historia nunhas condicións tremendamente adversas. Explicounos o sentido do título e o importante que é destacar e dar a coñecer
esas historias silenciadas. A través da lectura deste libro e da charla que
mantivemos coa autora aprendemos de que maneira se fomentou a xenofobia cara
aos xudeus. Tamén soubemos que a presenza dos alemáns na nosa comunidade estivo
motivada pola abundancia dun mineral esencial para a fabricación de armas: o
wolframio.
A continuación falamos de 22 segundos. Contounos como xurdiu a idea de escribir un libro para adolescentes sobre a temática da transexualidade. Antes da redacción desenvolveu un traballo de investigación e contactou con persoas que sufriran ese proceso. Fixo fincapé na necesidade de que nos respectemos e que non deixemos de lado a ninguén por ser diferente ao considerado tradicional. A diversidade sexual como un valor esencial na nosa sociedade foi outra das ideas que a autora nos transmitiu. Tamén nos falou de que deberiamos ter máis información sobre o tema e de que en todos os centros debía de haber educación afectivo-sexual.
Contestou ás preguntas que lle formulamos sobre as obras e a outras relacionadas co proceso de creación literaria. Tamén nos falou do oficio de escritor e do difícil (por non dicir imposible) que é vivir desta actividade, aínda que esa non sexa a súa motivación esencial.
Rematamos dándolle as grazas por compartir estes momentos con nós e por achegarnos a outras realidades a través dos seus libros.