A novela de Philippe Claudel
preséntanos unha historia que pode ter varias lecturas: por un lado a traxedia
dos refuxiados ou fuxidos das guerras e, asemade, a das persoas que se senten soas e que buscan
desesperadamente un motivo polo que vivir.
O señor Linh chega a un país indeterminado
fuxindo dunha guerra que tampouco se especifica. A historia non ten relevancia
como un feito concreto senón que pretende recoller a universalidade do
sufrimento, xa que, tal e como o propio
autor a define, a novela é “ un canto universal á tolerancia”.
Son moitos os temas que aparecen ao
longo das páxinas: o exilio, a soidade,
a vellez, a loita pola propia
identidade, a supervivencia, a amizade, a bondade...
A neta que o acompaña no exilio simboliza
a identidade, o vínculo co pasado que lle foi arrebatado e, ao tempo, o futuro
esperanzado, o desexo de recuperar as ganas de vivir.
Unha novela moi especial cun final
sorprendente, a partir do cal todo adquire un significado e unha interpretación
diferente. Merece, sen dúbida, unha relectura onde se observan eses pequenos
detalles que na primeira pasan desapercibidos.
A neta do señor Linh pareceunos unha novela sorprendente,
conmovedora, triste e concienciadora. Totalmente recomendable.
Martina, Candela, Karla, Selma e Lucía