Nestas últimas semanas acabamos de ler o último poemario de Carlos Negro, titulado Penúltimas tendencias. As composicións preséntannos a voz dunha adolescente que está en contra das modas e dos estereotipos que lle impón á mocidade a sociedade a través dos medios de comunicación. Fálanos de xeito directo unha moza rebelde, cun carácter forte ante as relacións sentimentais e ante os costumes que se relacionan coas mulleres.
O autor fainos chegar esta mensaxe de rebeldía cunha linguaxe sorprendente no mundo da poesía: os poemas están compostos nunha lingua salpicada de anglicismos e de termos relacionados coa actualidade e coa forma de expresarse dos mozos.
Chamounos a atención a presenza da INTERTEXTUALIDADE: Carlos Negro xoga con nós en varias ocasións facendo que busquemos na nosa memoria recordos de libros xa lidos. Así, en Princesas (contra) Disney, fainos volver a contos como Cenicienta ou Blancanieves...
É tamén interesante comentar o uso que o autor fai dos TÍTULOS: ás veces suxírenos algo que logo non se corresponde, ou oponse, ó contido do poema. Isto é o que sucede en It girl. Outras veces esíxenos pensar sobre a realidade que nos rodea para poder descifrar a expresión que da título ás composicións: 3MSC, onde fai referencia á literatura de F. Mocchia e ó cine. Mesmo bota man de títulos referidos a hábitos xuvenís, como o das tatuaxes (Tatuaxe).
A poesía de Penúltimas tendencias tamén é atrevida á hora de traballar co ritmo: o autor decide fuxir da rima tradicional e dálle musicalidade aos poemas a través das repeticións de palabras e estructuras; para iso manexa a cotío a anáfora e o paralelismo.
Porén, o autor non olvida o valor das metáforas para expresar o que é difícil de comunicar: así en Programa de centrifugado, para expresar o inconformismo, a rebeldía, a inseguridade da moza adolescente o autor crea un poema que é unha enumeración de metáforas, nas que usa a connotación.
- Penúltimas tendencias amosoume un estilo de poesía que descoñecía ata o momento.
Rubén González
- Sorprendeume a temática dos poemas: non pensaba que se podía facer poesía co que temos na cabeza os adolescentes.
Lidia Pereira
- Gustoume a modernidade que aportan as palabras en inglés e outras moitas propias da nosa maneira de falar.
Sergio Martínez
- Eu destacaría o xogo que o autor nos propón: é como se nos dixera:
- Se queres ler este poemario, tés que rebuscar na memoria e no teu coñecemento do mundo que nos rodea. Trato feito?
Os dous poemas que máis nos gustaron foron Chica out e Radikal punk.
Club de lectura (4º ESO C)